Formoso pide "respecto" a Caballero e apela á unidade do congreso do PSOE

Presenta a lema da súa campaña en primarias, 'Sumar para avanzar', e avisa: "Se algún compañeiro non entendeu o que pasou en Valencia teremos un problema"
Formoso en un encuentro con la militancia de Pontevedra. DP
photo_camera Formoso en un encuentro con la militancia de Pontevedra. DP

O secretario provincial dos socialistas coruñeses e aspirante á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou á mensaxe de unidade do congreso celebrado polo PSOE en Valencia, á vez que, ante as críticas do seu opoñente no proceso de primarias, o actual secretario xeral, Gonzalo Caballero, pediu "respecto interno". 

"O discurso unánime de toda as federacións e do noso secretario xeral é de unidade e de respecto interno para que nos respecten no exterior". "Se algún compañeiro, por moi candidato que sexa, non entendeu nada do que pasou en Valencia terá que analizalo, se non teremos un problema", engadiu. 

Fíxoo despois de que, de forma velada, o secretario xeral do PSdeG o acusase de terse aliñado co sector contrario a Sánchez no proceso interno que houbo para a elección do secretario xeral do PSOE. Ademais, reprochoulle desertar" nun mitin celebrado na Coruña na campaña das últimas eleccións xerais. 

Fronte a estas críticas, manifestou que a súa candidatura vai seguir "falando respetuosamente" e "confrontando proxectos, non persoas nin compañeiros". "Hai que integrar, estamos aquí para sumar aínda cos que pretendan restar no proceso de primarias", sentenciou. 

Por outra banda, e fronte ás críticas que o sitúan na 'dereita', dixo que el é "fillo de primarias" e rexeitou "conceptos trasnoitados" ou "clichés" como os das baronías. 

Mentres, xustificou a súa ausencia na reunión que Gonzalo Caballero convocou con membros do partido no congreso de Valencia. Así, expuxo que participaron nas delegacións provinciais "tal e como din os estatutos do partido". "En cumprimento dos estatutos, acudimos á reunión da delegación da provincia para coordinar o noso traballo nas distintas comisións".

LEMA DA CAMPAÑA. Por outra banda, Formoso presentou este martes, a 11 días da celebración das primarias, a lema da súa campaña: Sumar para avanzar. "É máis que un lema, é toda unha declaración de intencións porque representa o modelo de partido que queremos". 

"Un PSdeG que conte con todos e todas e que aspire a gobernar Galicia", sentenciou, indicando que o modelo do congreso de Valencia e "ese espírito" é o que quere para o PSdeG e para Galicia. 

Comentarios