Formoso erixe á Costa da Morte en emblema "do socialismo"

Destaca en Vimianzo e Camariñas que o traballo da militancia logrou que o PSOE obtivese "uns resultados excelentes" nas municipais
Formoso, en Monterroso. EP
photo_camera Formoso, con militantes socialistas. EP

O candidato a liderar o PSDEG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso, erixiu este venres á Costa da Morte en emblema "do socialismo" e apostou por trasladar o modelo a Galicia.

Nunha visita ás localidades de Vimianzo e Camariñas e da que informou a súa candidatura nun comunicado, destacou que o traballo da militancia permitiu que o PSOE alcanzase uns "resultados excelentes" nas municipais para "gobernar nunha amplía maioría dos concellos" desta comarca con proxectos "de futuro", que "apostan pola protección social das persoas" e polos sectores produtivos.

Para Formoso, o PSDEG está "realmente forte" na Costa da Morte "na política máis complicada, que é a que está máis pegada á cidadanía, á que a xente lle pon cara". Todo iso, dixo, "grazas á implicación da militancia, á que está nos gobernos e tamén á que está na oposición, que sabe achegar, sumar, unir, dar ideas, que se mobiliza cada vez que hai un proceso electoral".

Ver máis: Gonzalo Caballero enxalza o apoio que Vigo deu ao PSDEG nas autonómicas 

"Esa unión, ese compañeirismo que hai dentro das agrupacións da Costa da Morte é o que o noso proxecto quere exportar a Galicia", afirmou.

Por outra banda, dirixiuse á militancia para destacar que "non hai que terlle medo" ao sistema de primarias porque é "bo e enriquecedor" para a saúde democrática do PSOE, "a condición de que este proceso sirva para achegar ideas e confrontar proxectos, nunca para confrontar persoas".

"Somos un partido que conta cun sistema interno plenamente democrático, no que todos os votos contan o mesmo e onde a militancia ten voz para decidir o futuro", sinalou Formoso, que asegura que o 30 de outubro os socialistas xóganse "moito". "Xogámonos contar cun proxecto forte e unido para Galicia", incidiu.

Comentarios