Formoso defende que Silva non ten ningún problema xudicial e pide ao PP que non "enlame"

Pilar Cancela reclama a Caballero e afíns que se poñan a disposición" da nova dirección do PSdeG tras a súa actitude de vergoña "allea" no congreso 
Valentín González Formoso (As Pontes, 1971). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valentín González Formoso. PEPE FERRÍN (AGN)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu este domingo a súa decisión de nomear a Carmela Silva como presidenta do partido en Galicia porque non é unha persoa "que teña un problema xudicial", a pesar de que un exfuncionario do Concello de Vigo fose condenado a máis de cinco anos de cárcere por enchufar a súa cuñada. 

Por mor desta sentenza, confirmada a semana pasada polo Tribunal Supremo, o PP centrou os seus esforzos en pedir a dimisión da que tamén é presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde da cidade olívica. Neste contexto, nunha entrevista emitida este domingo por Radio Nacional (RNE), Formoso pediu aos populares que non "enlamen o campo político" se "queren ter algunha opción" nas próximas eleccións municipais en Vigo. 

"Carmela Silva non é unha persoa nin procesada, nin axuizada, nin investigada, nin condenada. Xa que logo, non sei de que estamos a falar. É unha persoa que forma parte dun equipo que é imbatible electoralmente en Vigo", asegurou o novo líder do PSdeG, sobre a que é número dous de Abel Caballero no Concello. Dito isto, suxeriu ao PP que "intente mellorar os seus equipos" e "o seu proxecto" nesa cidade.

O líder do PSdeG subliña que Carmela Silva forma parte dun "equipo que é imbatible electoralmente en Vigo"

CONGRESO. O nomeamento de Silva como presidenta do PSdeG produciuse no marco do congreso que celebrou o partido entre o martes e o mércores en Santiago, no que Formoso foi proclamado oficialmente novo secretario xeral cunha executiva que obtivo o 81% dos apoios no conclave. 

Sobre a súa dirección, reivindicou na entrevista con RNE que as áreas principais están ocupadas por persoas "referentes" no seu campo, co obxectivo de "calar en Galicia" coas propostas que teña o partido. 

A pesar dos episodios de división vividos durante o congreso co sector afín ao anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, Formoso móstrase convencido de que "a inmensa maioría dos compañeiros coinciden na nova liña de dirección", mentres que os que aínda non o fan "van ir aos poucos sentíndose cómodos". 

"Todos os compañeiros van ter a comodidade necesaria, tendo na conciencia que as organizacións políticas, as familias, a sociedade non somos perfectas. Non é un pensamento monolítico en ningún caso. A clave é explicitar as diferenzas dun xeito correcto e ordenado de modo que a cidadanía vexa algo positivo na discrepancia", abordou. 

A nova executiva do PSdeG conta con 58 persoas das que Formoso destacou a "idoneidade dos perfís" para a área que rexentan. Iso si, recoñeceu que parte das fichaxes responden a "criterios territoriais", o cal ve "lóxico". 

"A inmensa maioría dos compañeiros coinciden na nova liña de dirección", asegura Formoso

"Somos un partido moi municipalista", reivindicou o secretario xeral, quen ademais puxo o foco en que o poder local serviu de panca "clarísima" para que o PSOE alcanzase o Goberno de España e a Xunta. De feito, recordou que Emilio Pérez Touriño logrou ser presidente cando os socialistas estaban "na maior parte das alcaldías urbanas" da comunidade. 

Non en balde, asegurou que o panorama galego actual é similar, xa que "máis do 60% da poboación galega" está gobernada por un alcalde socialista. "Esa identificación do pobo galego nese ámbito institucional hai que aproveitala como base electoral clarísima que nos permita difundir máis o noso proxecto de cara a próximas citas", engadiu.

PORTAVOZ PARLAMENTARIO. A pesar da chegada dunha nova dirección, Gonzalo Caballero manterase por agora como portavoz no Parlamento Galego. Preguntado sobre como abordará o cambio, Formoso dixo que tampouco é unha decisión "imperiosa" nin "urxente". 

"Temos que reflexionar sobre isto nas executivas próximas", respondeu, xa que se trata de buscar "o perfil idóneo" que poida "transmitir a nova mensaxe do PSdeG" na Cámara. Aínda que recoñeceu que o deputado Luis Álvarez é un dos nomes que baralla, Formoso tamén dixo que poderían ser "outras persoas". 

O socialista apunta que a substitución na portavocía na Cámara non é unha decisión "imperioso" nin "urxente"

Os plans de política de oposición do PSdeG pasarán agora polas "rúas", segundo dixo o novo secretario xeral. "A política non só se fai no Parlamento, faise todos os días", afirmou, para seguidamente asegurar que chegar á Xunta é "unha meta realizable" se conseguen calar o seu proxecto "na sociedade". 

ELECCIÓNS. De cara ás próximas autonómicas, previstas —salvo adianto— para 2024, Formoso recordou que o PSdeG elixirá o seu candidato á presidencia da Xunta a través dunhas primarias. Así, aínda que non se descarta porque o seu compromiso, recalcou, é "total e absoluto" co partido, será a militancia quen designe o cabeza de cartel. 

"Queda moitísimo tempo. Calquera compañeiro ten a lexitimidade de dar ese paso, pero non é momento de nomes senón de demostrar compromiso", manifestou, tras ser preguntado sobre se o exsecretario xeral José Ramón Gómez Besteiro podería ser o futuro candidato.

Pilar Cancela: "Entramos nunha etapa distinta"
Sobre o congreso celebrado esta semana polos socialistas galegos tamén se pronunciou este domingo a secretaria de Estado de Cooperación Internacional e secretaria de Exterior do PSOE, Pilar Cancela. Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, tachou de vergoña "allea" a actitude de Gonzalo Caballero e os seus afíns durante este conclave. 

Neste contexto, a dirixente socialista pediu a este sector que se poña a disposición" do proxecto de Formoso, mentres que asegurou que tanto ela como o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "confían" na capacidade da nova dirección do PSdeG. 

"Entramos nunha etapa distinta, con moitas ganas de falar do traballo e esquecernos das pelexas internas", insistiu Cancela, para seguidamente engadir: "Ou somos capaces de trasladar á cidadanía que podemos articular un proxecto político de esquerdas alternativo ao de Feijóo, ou non temos nada que facer". 

Sobre se pensa asumir algunha responsabilidade no PSdeG, evita concretar os seus desexos máis aló de: "Estou a disposición do partido". 

Comentarios