Fomento desvía o tráfico na N-547 por obras na A-54 entre Arzúa e Lavacolla

O Ministerio de Fomento asegura que se "poderá completar a execución da glorieta que forma parte do enlace final do tramo da A-54 coa estrada N-547"

Obras que siguen en la A-54. SEBAS SENANDE
photo_camera Obras na A-54. SEBAS SENANDE

Con motivo da execución das obras da autovía A-54 entre Lugo e Santiago no tramo Arzúa Oeste-Lavacolla, o Ministerio de Fomento procederá a realizar un desvío da estrada N-547 (a nacional Lugo-Santiago) entre os puntos quilométricos 67 e 69 a partir deste martes, día 23 de abril, desde as 9.00 horas, que se prolongará ata as 19.00 horas do día 24 de maio.

Segundo explicou Fomento nun comunicado, con este desvío "poderá completar a execución da glorieta que forma parte do enlace final do tramo da A-54 coa estrada N-547 e coa estrada de titularidade autonómica AC-240, que comunica con Touro".

Durante o período que dure a obra, os vehículos que circulen pola N-547 en ambos os sentidos, serán guiados pola sinalización e o balizamento correspondentes a través dos novos ramais do enlace e a parte este da nova glorieta, circulando en todo momento en dobre sentido.

"Para aqueles vehículos que queiran acceder desde a N-547 á estrada AC-220 a Touro, habilitarase unha conexión provisional que estará debidamente sinalizada mediante carteis de destino. Do mesmo xeito, aqueles vehículos que procedan de Touro disporán duns ramais de conexión que lles permitirá incorporarse á N-547 en ambos os sentidos", subliñou o Ministerio.

comentarios