A Fiscalía de Galicia remite información de 7 casos por abusos en institucións relixiosas

Son procedementos que están en trámite na comunidade a partir de denuncias presentadas
Sede del TSXG. AG
photo_camera Sede do TSXG e da Fiscalía de Galicia. ARQUIVO

A Fiscalía de Galicia remitiu á Fiscalía Xeral do Estado a información de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa. 

Trátase de sete procedementos que están a trámite nos xulgados de instrución da comunidade, por mor de denuncias interpostas, segundo aclararon fontes consultadas por Europa Press. Nun comunicado, explica que as fiscalías "non teñen dilixencias de investigación penal propias nesta materia". É dicir, non se abriron actuacións de oficio. 

A documentación remitida, sen que se detallasen con máis precisión os casos concretos, foi obtida das fiscalías territoriais de Galicia —provinciais e de área— e inclúe sete asuntos incoados. 

A Fiscalía Superior de Galicia cumpre así co ordenado pola Fiscalía Xeral do Estado nun oficio con data do 31 de xaneiro de 2022 e que daba de prazo ata o 10 de febreiro para cumprir con esta actuación. 

En días pasados, La Salle informou de novas denuncias por abusos sexuais que se produciron nos anos 70 e 80, dúas das cales rexistráronse en Galicia.

PARLAMENTO. Esta cuestión tamén chegará ao debate parlamentario con iniciativas da oposición —o BNG xa rexistrou unha batería de propostas e o PSdeG asegura que traballa niso—, nas que tamén se preguntará polas palabras do presidente da Xunta con respecto a abrir unha investigación no Congreso

Concretamente, os nacionalistas rexistraron preguntas nas que chaman a aclarar se Alberto Núñez Feijóo "corrixirá ou rectificará" unhas "desafortunadas" declaracións nas que dixo que habería que investigar "calquera tipo de abuso" e incluír a todas "as institucións". 

Comentarios