Tres deseñadores galegos cóanse na final do I Premio Nacional de Moda

Os deseñadores Adolfo Domínguez, Pili Carreira e Roberto Verino resultaron finalistas do I Premio Nacional da Moda. Este novo galardón é unha iniciativa do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo co motivo de impulsar a Marca España e a industria nacional.

Xunto a este trío da alta costura presentáronse un total de 68 candidaturas máis, xulgadas por profesionais do sector. Este comité, formado por un presidente e sete vogais, rexeuse por criterios de creatividade, adaptación ao mercado, capacidade de innovación, internacionalización ou contribución á industria da moda.

O último seleccionado foi o ourensán Adolfo Domínguez, o cal nun comunicado a través da firma aseguraba sentirse moi afagado polo recoñecemento "á súa consolidada traxectoria e as súas achegas á industria da moda". Segundo o comité de selección "a traxectoria de máis de 40 anos do deseñador Adolfo Domínguez, unida á gran proxección da firma dentro e fóra das fronteiras nacionais, convertéronse nos valores destacados para optar ao galardón na categoría de Traxectoria".

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo pretende equiparar "a moda aos distintos procesos de creación cultural á vez que subliña o seu apoio ao deseño de moda, tanto no seu aspecto creativo como no seu papel de industria cultural de primeira orde". Para iso establece cinco categorías: Premio Nacional á Peme da Industria do Sector da Moda; o Premio Nacional á Gran Empresa; o Premio Nacional ao Emprendemento; o Premio Nacional ao Deseñador de Moda e o Premio Nacional aos Profesionais da Comunicación, da Academia e da Cultura.

Para Cointenga, a elección dos finalistas e promoción destes premios supón "un importante respaldo ao modelo de negocio seguro polas empresas galegas do sector".

A cerimonia de entrega dos premios celebrarase o próximo día 6 de xuño no Museo Reina Sofía de Madrid.

Comentarios