Dous feridos graves tras un atropelo en Rianxo

Un choque entre vehículos provoca dous feridos leves en Neda

Dúas persoas resultaron feridas de gravidade nun atropelo en Rianxo e outras tantas sufriron feridas leves nun choque de vehículos na localidade de Neda.

Segundo o servizo público de urxencias 112, o suceso de maior alcance sobreveu a última hora da tarde deste luns no viario que une Rianxo con Leiro. Un particular alertou dos feitos e activouse un operativo que sumou a varios corpos de urxencias.

Á zona do accidente acudiron efectivos do 061-Urxencias Sanitarias de Galicia, bombeiros de Boiro e Garda Civil. Igualmente, pediuse a intervención de Policía Local e Protección Civil e confirmouse que ambas as persoas presentaban feridas de consideración, polo que foron trasladadas en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Mentres, en Neda chocaron dous turismos ao fío das 20.30 horas do luns no quilómetro 12,200 da estrada AC-862.

Neste caso, houbo que recorrer a material de excarceración para liberar a dous ocupantes que estaban atrapados, detallou este martes o 112 Galicia. Unha vez liberados, os feridos foron atendidos e evacuados en ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

Comentarios