Ferido grave un mozo que recibiu puñaladas e golpes en Ferrol

Foron detidas tres persoas, dous menores de idade

Zona en la que se produjo la agresión. GOOGLEMAPS
photo_camera Zona na que se produciu a agresión. GOOGLEMAPS

Axentes da Policía Local de Ferrol detiveron tres mozos, dous deles menores de idade e outro de 18 anos, todos con antecedentes, como supostos autores dunha agresión a outro home, de 22 anos, que se atopa ingresado en estado grave no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. 

Segundo trasladaron a Europa Press varias fontes, a agresión produciuse sobre as 6.15 horas deste domingo no apeadeiro de Feve, no barrio ferrolán de San Xoán. O agredido saíra minutos antes dunha discoteca da zona cando foi abordado polos seus agresores, que lle propinaron golpes por todo o corpo, ademais de asestarlle varias puñaladas por detrás, entre 10 e 15, para roubarlle as súas pertenzas, como o teléfono móbil e a carteira. 

O sinal de socorro dérono outros mozos que pasaban pola zona e que reclamaron a dúas patrullas de axentes, que ían iniciar un control de alcoholemia, que algo estaba a ocorrer. Deste xeito, os efectivos policiais desprazáronse ao lugar e atopáron o ferido, polo que procederon a solicitar unha ambulancia que o trasladou ao Hospital Arquitecto Marcide.

Nese momento, comezaron unha batida pola zona que finalizou coa localización de dous dos supostos agresores, que trataron de fuxir á carreira. Tratábase dun menor, que se escapou dun centro de internamento, e outro maior de idade. Ambos foron detidos e trasladados á comisaría da Policía Nacional de Ferrol-Narón. 

Posteriormente localizouse a outro home, tamén menor, e que estaría implicado na agresión, polo que foi detido e trasladado a comisaría. 

O ferido, en vista das feridas sufridas, foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario da Coruña tras empeorar o seu estado de saúde.