Feridas dúas persoas nun atropelo en Nigrán e un home noutro en Cambre

O lesionado en Cambre quedou atrapado baixo o vehículo
Oficinas del 112 en Santiago. EP
photo_camera Instalacións do 112. ARCHIVO

Dúas persoas resultado feridas este martes nun atropelo rexistrado no municipio pontevedrés de Nigrán e un home sufriu lesións noutro ocorrido en Cambre. 

Segundo informou o 112 Galicia, nese caso os servizos de urxencia tiveron que intervir para rescatar o ferido tras o atropelo, xa que quedou atrapado debaixo do vehículo. Ese accidente tivo lugar ás 10.45 horas na estrada que une O Temple e A Barcala, moi preto da rotonda do Paraugas, en Cambre. 

Foron varios particulares os que chamaron ao 112 Galicia para alertar do sucedido e solicitar asistencia médica urxente. Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou a profesionais sanitarios, que enviaron unha ambulancia medicalizada para a atención do ferido para o seu posterior traslado ata o centro hospitalario de referencia. 

Tamén se pediu a colaboración dos Bombeiros de Arteixo, dos axentes da Policía Local e do Servizo Municipal de Urxencias da localidade, que foron os encargados de liberar o ferido, de 69 anos, para ser atendido polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Mentres, en Nigrán, na Rúa dos Pazos, rexistrouse un atropelo con dúas persoas feridas sobre as 11.30 horas deste martes. Varios transeúntes chamaron ao 112 Galicia para alertar do sinistro e indicaron que dúas persoas foran alcanzadas por un turismo e precisaban asistencia sanitaria. 

Os xestores de urxencias puxeron o suceso en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos membros do GES de Val Miñor, axentes da Policía e Protección Civil da localidade. O 061 desprazou unha ambulancia que levou ao hospital vigués de Fátima un home, J.C.V.A., de 43 anos, e unha muller, D.A.M., de 77 anos.