Feijóo, sobre o adianto: "O que teñamos que comunicar farémolo de inmediato"

Desvincula a súa decisión da de Urkullu no País Vasco

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que a súa decisión sobre a convocatoria das eleccións galegas será "de forma inmediata" sen que teña relación, engadiu, co que vaia anunciar este luns o lehendakari, Iñigo Urkullu. 

O lehendakari ten previsto comparecer ás 16.00 horas para anunciar un posible adianto electoral o próximo 5 de abril. 

Dado que en 2009, 2012 e 2016 vascos e galegos votaron á vez, preguntado polo previsible anuncio de Urkullu o presidente galego dixo nun acto en Mazaricos (A Coruña) que o que teña que comunicar "farao inmediatamente a través dos medios". 

"Calquera decisión que teñamos que adoptar non ten que ver co que se diga hoxe ás 16 horas, senón co que pensemos que é o mellor para Galicia. O que vaiamos decidir farémolo de forma inmediata e vostedes terán comunicación directa", asegurou.

Comentarios