Feijóo e Vázquez acúsanse mutuamente por casos de corrupción, transfugismo e os candidatos imputados

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, protagonizaron hoxe unha nova xornada de acusacións mutuas no Parlamento galego por casos de suposta corrupción e transfuguismo e imputados.

Durante a sesión, o líder dos socialistas acusou a Núñez Feijóo de ser "o presidente do transfuguismo" de Galicia e este reprochoulle que o seu nome salga no sumario da Operación Orquestra, que investiga corrupción na Costa da Morte.

Núñez Feijóo lamentou que Vázquez non se desculpase polas "insidias" sobre a adxudicación da autovía Carballo-Berdoias e preguntoulle se sente "molesto" porque a Xunta non lla adxudicou á empresa que, na súa opinión, patrocina o líder do PSdeG desde hai anos.

No pleno da semana pasada, Vázquez insinuou que o Goberno galego adxudicaría a autovía da Costa da Morte a unha filial de Dragados, tras unhas supostas reunións entre Núñez Feijóo e o presidente desa empresa.

Finalmente, a Xunta anunciou o luns que adxudicará esa vía a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por catro firmas galegas.

Vázquez indicou que esa decisión mostra a "mentira da austeridade" da Xunta, xa que lle adxudicou a infraestrutura dous anos despois á mesma empresa que o fixo o bipartito a pasada lexislatura "pero por 170 millóns de euros máis e cinco anos menos de contrato".

As acusacións e reproches mutuos non finalizaron aí, xa que Vázquez insistiu na relación de Núñez Feijóo con tránsfugas, nun asunto no que o presidente galego "é o mellor", segundo afirmou o líder do PSdeG, que acusou ao titular da Xunta de ter "dúas caras: unha amable e outra oculta".

O líder do PSdeG argumentou na súa intervención que Núñez Feijóo é "o motor da paralización, do desemprego e da falta de ética e de democracia" en Galicia, principalmente, segundo dixo, en Ourense.

Núñez Feijóo criticou ao dirixente socialista por seguir "insidiando e calumniando a un Goberno honrado" e afirmou que o nome do líder do PSdeeG sae no sumario da Operación Orquestra, que investiga corrupción na Costa da Morte, mentres que o seu non.

O presidente galego afirmou que o PSdeG leva "máis porcentaxe" de imputados nas súas listas que o PPdeG e sostivo que el non participará na presentación de candidatos imputados, como si fixeron Vázquez e o ministro de Xustiza.

Tamén criticou Núñez Feijóo que o 80 por cento dos concelleiros do PSdeG e o BNG nas sete principais cidades galegas cobran dedicación exclusiva.

Para finalizar con esta situación, Nüñez Feijóo propuxo que sexa a Fegamp a que estableza un honorarios tipo para os alcaldes e avogou, ademais, pola redución de entre un 30 e 50 por cento de concelleiros con dedicación exclusiva.

Comentarios