Feijóo e os ex presidentes buscarán grandes pactos

O xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e os seus antecesores no cargo Emilio Pérez Touriño, Fernando González Laxe e Xerardo Fernández Albor mostraron hoxe o seu compromiso para articular amplos pactos e consensos nos principais asuntos de interese xeral e acordaron repetir con carácter periódico reunións como a de hoxe.

Os catro dirixentes reuníronse hoxe por primeira vez na residencia oficial do presidente da Xunta, en Monte Pío, na que durante unhas catro horas debateron e achegado as súas propostas sobre a situación xeral.

Segundo indicaron a Efe fontes coñecedoras do transcorrido na reunión, os principais temas de diálogo foron o sector da automoción, o naval e o financeiro.

Ao termo do encontro os expresidentes abandonaron as dependencias oficiais sen facer declaracións e remitíronse a un comunicado conxunto.

Nesta nota, entre outros puntos, apostan por recuperar o espírito dos que, ao comezo da Autonomía, souberon pór ao carón os intereses particulares para centrar a súa acción política na articulación de amplos pactos e consensos nos principais asuntos de interese xeral.

Deste xeito, comprométense a facer propostas construtivas" nadas do diálogo e o consenso.

Decidiron, ademais, traballar para facer propostas concretas en asuntos estratéxicos para Galicia", entre eles, a necesidade de profundar no estudo do actual modelo de organización territorial e administrativa, con dobre obxectivo de mellorar a calidade dos servizos prestados aos cidadáns e garantir a súa sustentabilidade.

Segundo o comunicado subscrito polos catro asistentes á reunión tamén acordaron profundar no estudo de fórmulas para un mellor aproveitamento económico do rural galego, "con especial atención ao potencial do sector forestal" co obxectivo de que sirva como panca para o desenvolvemento e revitalización de moitas zonas, sobre todo do interior de Galicia.

Fernández Albor e González Laxe chegaron e abandonaron as instalacións da residencia oficial do presidente da Xunta nun coche oficial, mentres que Pérez Touriño chegou e marchouse conducindo o seu vehículo particular.

Os tres, recibidos e despedidos por Núñez Feijóo, abandonaron a residencia oficial cunhas carpetillas co logo da Xunta.

Comentarios