Núñez Feijóo destaca o "exitoso" inicio do curso escolar en Galicia, "un dos mellores"

Este luns arrincaron as clases para case 200.000 alumnos de secundaria, FP, bacharelato e formación especial

Feijóo y otras autoridades en el IES de Soutomaior.J. CERVERA
photo_camera Feijóo e outras autoridades no IES de Soutomaior.J. CERVERA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou este luns o novo IES de Soutomaior, o primeiro co que conta este municipio pontevedrés na súa historia, no que os seus máis de 300 alumnos non terán que desprazarse a outros concellos veciños para cursar os seus estudos. Acompañado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicitouse polo "exitoso" inicio de curso escolar en Galicia, que este luns comezou para case 200.000 alumnos de secundaria, FP, bacharelato e formación especial.

Neste novo centro, onde a Xunta investiu 5,3 millóns, máis outros 450.000 euros o Concello de Soutomaior, Feijóo proclamou que "probablemente" este sexa "un dos mellores inicios de curso" desde que é presidente da Xunta. Abundou en que non recorda outro "tan exitoso como este ,"pois non ten constancia de que se rexistraron "problemas notables" en ningunha das etapas preuniversitarias, máis aló dalgunha "cuestión previa".

Feijóo fixo fincapé na aposta da Xunta pola educación, non só a través de infraestruturas senón tamén mediante a aposta polos centros plurilingües, pola dixitalización das aulas, respecto do cal avanzou a compra de 30.000 computadores para os próximos cursos. Tamén se detivo na habilitación de bacharelatos de excelencia en ciencia e tecnoloxía en quince centros, así como na mellora salarial dos profesores agora que "empeza a mellorar" a economía a pesar de que se atisban "unhas nubes no horizonte que nos preocupan".

O presidente da Xunta valorou que os índices de abandono escolar en Galicia, menos do 15%, sexan os mellores desde que existen rexistros; como tamén que a comunidade supere a media nacional e dos países da OCDE en canto a calidade educativa e que dedique o maior esforzo no país a transporte escolar. Aplaudiu a colaboración do Concello de Soutomaior, un municipio que, dixo, "merecíase" contar cun IES; do mesmo xeito que "o compromiso" do equipo directivo e do profesorado do centro, equiparable ao "de moitos" funcionarios da administración pública. 

Comentarios