Feijóo ve unha irresponsabilidade "sen paliativos" no baleirado de encoros

Considerou "impropio" que, sen coñecemento da Xunta, o Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, "autorice o baleirado dunha forma intensa"
Feijóo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Feijóo. SALVADOR SAS (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou este luns ao Goberno central de autorizar o baleirado de encoros na conca do Miño-Sil en época de incendios forestais e asegurou que é unha irresponsabilidade "sen paliativos" para "especular" co prezo da enerxía.

Preguntado por unha valoración deste asunto, ao transcender que os encoros de Belesar, Salas, Cenza e Portas sufriron un baleirado, o presidente da Xunta sostivo, durante un acto en Laxe (A Coruña), que "é unha irresponsabilidade que a conca do Miño-Sil teña nalgúns encoros menos auga que a conca do Júcar".

Tamén considerou "impropio" que, sen coñecemento da Xunta, o Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, "autorice o baleirado dunha forma intensa" sen saber como van evolucionar os incendios forestais en setembro e outubro.

Feijóo preguntouse se esta acción é "para conseguir un pouco máis de diñeiro no prezo da luz"

"Queremos saber cal é o responsable desta autorización e que van facer. ¿Que vai ocorrer se os hidroavións non poden cargar?", criticou o xefe do Executivo galego, que considerou que esta situación tamén afectará á flora e á fauna se non chove. Respecto diso, preguntouse se esta acción é "para conseguir un pouco máis de diñeiro no prezo da luz".

"Pódese xogar cos encoros dunha comunidade autónoma e que aínda hoxe non nos deron nin unha soa explicación?", recalcou o presidente, que lamentou a "enorme transcendencia ecolóxica" que podería traer consigo esta situación "que Galicia non se merece".

Por iso, indicou que espera unha resposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e subliñou que no caso de que isto sexa legal, esta norma "é un disparate". Ademais, asegurou que "hai varios avións" que non poden tomar carga para apagar incendios e dixo que na conca de Galicia-Costa, dependente da Xunta, non se autorizou baleirado algún.

Comentarios