Feijóo ve un bo orzamento para Galicia e espera que non haxa paus nas rodas

O presidente da Xunta destaca que "incrementa nun 20%" o investimento sobre o do ano anterior

Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para este ano para Galicia é "un bo orzamento" porque "incrementa nun 20%" o investimento sobre o do ano anterior, polo que agarda que non haxa "paus nas rodas" por parte da oposición.

Antes dun acto sobre distintivos de calidade en Salvaterra, Núñez Feijóo sumou aos 936,7 millóns de orzamentos para Galicia, que supoñen un aumento do 1,3% sobre 2017, a partida adicional de 250 millóns incluída no Ministerio de Economía para "as fragatas de Ferrol", o que suporía un aumento do 20% en investimento sobre as contas do ano anterior.

"Os investimentos en Galicia supoñen un incremento do 20% sobre o orzamento anterior. Por primeira vez consígnase para as fragatas en Ferrol unha partida de 250 millóns de euros que, unidos a máis 900 millóns noutros ministerios sitúannos en 1.200 millóns de euros, un 20% máis que o anterior exercicio, un incremento notable", incidiu.

O presidente galego destacou, ademais, que "máis de medio millón" de galegos verán incrementada a súa pensión, "unha parte por encima do IPC", e que máis de 150.000 empregados públicos terán unha subida do 1,75% nas súas nóminas. Tamén, continuou, "boa parte dos contribuíntes galegos" pagarán menos na declaración da renda e, adicionalmente, a propia presentación é unha boa noticia como país, porque xera confianza internacional, asegurou.

Polo tanto, desde o punto de vista de país, dos pensionistas, dos empregados públicos, dos contribuíntes e dos investimentos trátase "dun bo orzamento para Galicia". "Espero que non poñamos paus nas rodas e que non critiquemos que non se fan cousas cando alguén está en contra de que se fagan por vetar a tramitación orzamentaria", sinalou.

"Levamos moito tempo esperando noticias positivas para Ferrol e temos noticias positivas para o sector naval público, 250 millóns máis outros 900 millóns, un incremento do 20% en investimentos do Estado en Galicia que fala por si só", concluíu.

Comentarios