Feijóo sobre a vacina ou PCR para acceder á hostalería "é a solución menos mala"

O presidente da Xunta afirma que a outra opción é que teñan que pechar
Alberto Nuñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Nuñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou este martes que "lamentablemente" a hostalería segue sendo "un factor de risco" para a transmisión do coronavirus e considerou que a presentación de probas negativas ou de certificados de vacinación para acceder ao interior dos locais nos municipios con peores datos son "a solución menos mala" para evitar que os establecementos teñan que pechar. 

Así o trasladou durante a presentación do novo albergue da Gudiña (Ourense), que previsiblemente entrará en funcionamento a próxima semana e que ofrecerá unhas instalacións renovadas, con 44 prazas, baños adaptados, aparcadoiro de bicicleta, sala de reunións, cociña e área de descanso. 

Nun repaso pola evolución dos datos epidemiolóxicos, Núñez Feijóo sinalou que os casos actuais corresponden principalmente a franxas de idade máis novas, "onde non puidemos chegar coa vacinación", como é a de 16 a 20 anos. 

Con todo, á espera da nova reunión do comité clínico, confiou en que "a próxima semana" Galicia toque o teito" da quinta onda e entre unha meseta que dea paso a unha diminución de casos activos. 

A pesar de que Galicia está "dentro das tres comunidades con menor presión asistencial", considerou "evidente" a necesidade de seguir implementando medidas; por unha banda, a vacinación; en segundo lugar, os cribados e, para rematar, "a responsabilidade". 

Nesta liña, defendeu as medidas postas en marcha ao entender que a hostalería segue sendo "un factor determinante" para a propagación, posto que é "onde nos reunimos" e, xa que logo, "un factor de risco", aínda que "non o maior agora mesmo". 

O presidente galego mostrouse convencido de que a petición de certificados é "o camiño" que seguirán os países europeos e citou o anuncio en Francia e as restricións en Portugal, onde son necesarios os fins de semana. 

"Parécenos que é a solución menos mala porque a outra é pechar e non ten sentido que (os cidadáns) non poidan entrar se están vacinados", esgrimiu Núñez Feijóo, quen recoñeceu que isto supón "un traballo adicional" para estes establecementos. 

Comentarios