Feijóo tomará posesión no Hórreo pero renuncia ao tradicional acto no Obradoiro

Houbo acto civil en 2009 e en 2016, pero non en 2012 pola crise que atravesaba España
Toma de posesión de Feijóo en 2016 en el Obradoiro. ARCHIVO
photo_camera Toma de posesión de Feijóo en 2016 no Obradoiro. ARQUIVO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomará posesión do seu cargo este sábado nun acto que acollerá o Parlamento galego e no que, se mantén o guión das tres veces anteriores, recorrerá á fórmula da promesa. Farao tras quedar investido presidente este xoves co apoio da maioría absoluta de 42 escanos que suma o PPdeG na Cámara. 

Pero se a Covid-19 marcou o seu discurso e o ambiente dos actos protocolarios do arranque desta XI Lexislatura, tendo en conta que non houbo invitados na tribuna do hemiciclo galego, tamén condicionará a parte máis civil da toma de posesión, que adoitaba traducirse nun evento na Praza do Obradoiro. 

Na mesma xornada na que a Xunta adoptou novas restricións para varias localidades, entre elas a capital galega, fontes da Xunta confirmaron a Europa Press que o tradicional acto do Obradoiro –posterior á toma de posesión na Cámara– non se celebrará "por unha cuestión de responsabilidade" dada a actual situación. 

As gaitas si soaron no Obradoiro no ano 2016 e tamén houbo acto civil en 2009, cando Feijóo logrou a súa primeira vitoria electoral. 

Con todo, en 2012, Feijóo tamén optou por prescindir deste acto dada a situación de dificultade que, por mor da crise, afectaba a Galicia e ao conxunto de España.