Feijóo recupera aos altos cargos cesados para as eleccións

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou ao presidente por "colocar" aos candidatos do PP en lugar de centrar os seus esforzos en paliar a crise do coronavirus
Alberto Nuñez Feijoo, presidente de la Xunta de Galicia
photo_camera Alberto Nuñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou este venres na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de que volveu a nomear a todos os altos cargos que cesara para que concorresen nas listas o PP galego ás eleccións do 5 de abril, agora canceladas. 

Feijóo tamén avanzou que comparecerá no Parlamento ante a Deputación Permanente —órgano que está de garda entre lexislaturas—, para informar os grupos políticos das medidas sanitarias e económicas ante a crise provocada polo coronavirus 

Deste xeito, Feijóo indicou que pediu a súa comparecencia ante a deputación permanente, unha actuación que dá tamén cumprimento ao compromiso de activar este órgano parlamentario que agora está en funcións tras a súa disolución pola convocatoria electoral. 

O mandatario autonómico tamén indicou que, suspendidas as eleccións e anuladas as candidaturas ás eleccións, volveu designar a todos os altos cargos cesados para concorrer nas listas do PPDEG.

Trátase da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, que fora situada como número dous da lista por Pontevedra. Tamén foi reposto neste cargo o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; Ovidio Rodeiro seguirá como delegado da Xunta na Coruña; en Lugo seguirá sendo delegado territorial José Manuel Balseiro; e en Ourense, de novo foi nomeada Marisol Díaz Mouteira

Tamén asumen os seus postos anteriores Antonio Rodríguez Miranda, como secretario xeral de Emigración; Nava Castro, como directora de Turismo de Galicia; Silvestre José Balseiros, como director xeral de Gandaría; e Marta Fernández Tapias, na Dirección Xeral de Administración local; Susana López Abella na Secretaria xeral de Igualdade; e Borja Verea, que regresa ao seu posto de secretario xeral técnico da Consellería de Economía. 

Mentres, un dos homes de confianza do presidente, Álvaro López Pérez, retoma o seu posto de secretario xeral de Presidencia. 

"Anuladas as candidaturas que causaron o seu cesamento, procedemos ao nomeamento inmediato", xustificou o presidente autonómico, ao anunciar que se renombraron "os cargos que deixaron" os seus postos na Administración autonómica.

Críticas de Gonzalo Caballero

O secretario xeral do PSDEG, Gonzalo Caballero, asegurou que todos os esforzos do Goberno galego deben de ir a loitar contra o coronavirus polo que avisou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, de que "é un exceso imperdoable" que se dedique a gastar o diñeiro público en contratar" aos candidatos do Partido Popular. 

"Nun momento cheo de ERTEs e dificultades para traballadores e autónomos, os soldos dos candidatos do Partido Popular que preocupan a Feijóo non son a preocupación dos galegos e galegas, e teríaos que pagar o PP, non a Xunta co diñeiro de todos", sostén o líder do PSdeG. 

Gonzalo Caballero, que asegurou que "ninguén entende esta decisión neste momento", criticou que Feijóo "coloque" aos candidatos do Partido Popular na Xunta para "seguir de campaña electoral" en lugar de centrarse no coronavirus. 

Con todo, o PSdeG trasladou este venres o seu apoio ás medidas tomadas pola Xunta para loitar contra a propagación do Covid-19.

Comentarios