Feijóo prevé que as restricións baixen en "moitos" concellos nun par de semanas

Ve cerca o pico da quinta onda e sitúa o inicio dunha fase descendente entre finais desta semana e mediados da próxima
certificado
photo_camera Unha clienta mostra o seu certificado covid para acceder a un local de hostalería en Lugo. XESÚS PONTE

As autoridades sanitarias galegas esperan que na terceira semana de agosto poidan relaxarse as restricións fronte ao covid-19 en moitos "municipios" da comunidade, entre os que se incluirían cidades. Asegurouno este mércores, tras a última reunión do comité clínico, o presidente da Xunta, sen avanzar aínda en que concellos se poden suavizar as medidas á espera da evolución epidemiolóxica. 

En declaracións aos medios en Ribeira, Alberto Núñez Feijóo ratificou que Galicia roza o pico da quinta onda, polo que entre finais desta semana e principios ou mediados da que vén —tras unha fase de meseta— empezarían a descender tanto o número de contaxios como as hospitalizacións. 

"Moitos concellos, incluídas cidades, van baixar a niveis medios se todo sigue comportándose como se está comportando. Poderemos abrir cidades e outras localidades a posicións máis tranquilas", avanzou o presidente galego, que vinculou a mellora dos datos coas últimas medidas tomadas. A partir de aí, lanzou un aviso: que poida facerse ou non finalmente dependerá do "comportamento social, de non facer botellóns" e non favorecer a expansión do virus con actitudes pouco seguras en reunións sociais. 

Feijóo realizou estas declaracións un día despois de que o comité clínico acordase manter todas as cidades no nivel alto de restricións polo menos ata a súa próxima reunión. En total son 62 os municipios que se atopan nesa franxa de limitacións, e nove aínda se encontran no nivel máximo: Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro, Monterroso, Meaño, O Grove e Sanxenxo. Mentres, Boiro, Cambados e O Barco de Valdeorras pasan a nivel alto. 

De seguir coa progresión actual dos datos, na liña co manifestado polo presidente, o previsible é que non todas as cidades descendan no chanzo das restricións á vez. A paradigma é Ourense, que foi a primeira que alcanzou o pico e podería tamén, xunto a outras urbes, encabezar a nova desescalada, mentres que outras quedarían máis atrasadas.

Máis información: Burela, Foz, Viveiro e Monterroso seguen en nivel máximo de restricións

RESTRICIÓNS. A relaxación das restricións tería impacto a diferentes niveis. E é que, por exemplo, no caso das localidades en nivel máximo de limitacións, con lecer nocturno pechado, esíxense certificados covid-19 para acceder ao interior de locais de hostalería, cuxo aforamento está limitado ao 30% e ao 50% en exteriores. As reunións están prohibidas entre non conviventes entre a 1.00 e as 6.00 horas da madrugada. Como en toda Galicia, no resto da xornada poden ser de seis persoas en interior e de 10 no exterior. 

Os municipios en nivel alto tamén pechan os seus locais de lecer nocturno e esixen certificado covid-19 para acceder ao interior de locais de hostalería, cuxo aforamento está limitado ao 50%, igual que os exteriores, estes de acceso libre. As reunións están prohibidas entre non conviventes entre a 1.00 e as 6.00 horas da madrugada. 

En cambio, os veciños de concellos de nivel medio poden acceder aos locais de hostalería sen necesidade de certificados covid-19, ao 50% da súa capacidade. Onde si os necesitan é para o lecer nocturno, que abre ata as 3.00 horas. Ademais, o horario no que están prohibidas as reunións de non conviventes é de 3.00 a 6.00. 

No nivel medio-baixo, os concellos contan coa hostalería cun 100% de aforamento en terrazas e 50% en interior, sen necesidade de certificados covid. O lecer nocturno abre ata as 3.00 horas, coa obrigatoriedade de presentar certificados. As reunións de non conviventes entre as 3.00 e as 6.00 da madrugada están prohibidas 

Feijóo defende o certificado covid en hostalería
O presidente da Xunta destacou que Galicia roza o 72% da poboación diana xa inmunizada coa pauta vacunal completa, mentres que o 78% xa recibiu unha dose.
 
Nesta conxuntura e, a pesar de que se conta con menos vacinas das que a comunidade "desexaría", volveu defender compatibilizar a defensa da saúde pública con preservar a economía, co foco na hostalería. E no medio do debate estatal sobre o certificado covid, defendeu de novo que se solicite para o acceso a interiores unha PCR negativa, ou ben o certificado de vacinación ou de ter pasado a enfermidade. 

"Seguro que os hostaleiros entenden que é mellor permanecer abertos que só as terrazas", dixo Feijóo, quen insistiu en que as medidas da Xunta se axustan a unha "metodoloxía europea —seguen a liña das esixencias de varios países— e contrastada", que tamén "pon en valor" o proceso de vacinación, por exemplo, entre os mozos.

Comentarios