Feijóo: "Non se me ocorre nada máis antigalego que apoiar a Otegi e Junqueras"

Pontón críticou que a Xunta non defenda os intereses galegos nos fondos europeos e dixo que o presidente galego é o "axente comercial dun puñado de multinacionais"
Feijóo e Pontón, este mércores no Parlamento galego. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo e Pontón, este mércores no Parlamento galego. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a sesión de control da Cámara galega para referirse á participación da portavoz nacional do BNG nun mitin organizado por ERC para os comicios cataláns. "Non se me ocorre nada máis antigalego que apoiar a Otegi e a Junqueras", sostivo. 

En resposta a unha pregunta na que a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, interpelaba ao presidente sobre os proxectos para captar fondos europeos Next Generation e a súa defensa dos intereses de Galicia, Feijóo defendeu a súa xestión ante o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e afeoulle a Pontón a súa participación neste evento. 

"Non se bote as mans á cabeza, as mans á cabeza boteimas eu cando vin á señora Pontón nun mitin con Otegi e con Junqueras. Non hai nada máis antigalego, nada máis antidemocrático, nada máis en contra da nosa autonomía que apoiar nun mitin a Otegi e a Junqueras", asegurou Feijóo na súa resposta á nacionalista. 

O máximo mandatario autonómico considerou "irónico" que el sexa preguntado en sede parlamentaria pola "defensa dos intereses de Galicia por unha persona que participa nun mitin" con estes dirixentes independentistas. "Parécelle que un secuestro dunha persona non o inhabilita para facer un mitin cunha persona condenada por secuestrar a unha persona e por ser un dos membros de Eta?", preguntou. 

Feijóo, que se referiu aos galegos asasinados pola banda terrorista, afirmou lamentar que Pontón participase neste acto político para "pedir non sei que". "Iso si, como hai correntes internas no BNG, despois vin un tuit da señora Presas apoiando á CUP. A señora Pontón defende a ERC e a señora Presas á CUP, e isto é o que defende os intereses de Galicia", censurou Feijóo, que se preguntou se se pode "ser máis ultra e máis radical".

XESTIÓN DOS FONDOS EUROPEOS. As palabras do presidente da Xunta provocaron o rexeitamento da portavoz nacional do BNG, quen lle preguntou na sesión de control a Feijóo pola defensa dos intereses de Galicia na consecución dos fondos europeos e no seu encontro co xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez. 

No seu discurso, a dirixente nacionalista censurou que, ante as peticións de información sobre estas iniciativas, a Xunta se limitase a remitir un "PowerPoint cutre de 12 folios" no que "nin tan sequera as cifras que mandan correspóndense cos investimentos que anuncian". 

"É evidente que este mix de opacidade e propaganda ten un obxectivo, tapar que detrás non hai nada, que non hai unha visión de país de futuro", censurou Pontón, que considerou que o único que hai é "un presidente convertido en axente comercial dun puñado de multinacionais mentres deixa na estacada á pequena e mediana empresa, aos traballadores e traballadoras autónomos, ao tecido produtivo real". 

Ademais, tachou a reunión de Feijóo con Sánchez de "encontro fracaso", no que o titular da Xunta "renunciou a reclamar a xestión directa" destes fondos e "mesmo dixo que se conforma a recibir o 4,6%", cando, segundo as estimacións do BNG, a Galicia correspóndenlle 12.600 millóns. "Por que renuncia a defender os intereses de Galicia nun asunto tan crucial?", preguntouse. 

Pontón deixou claro que o Bloque "vai seguir reclamando ata o último euro que lle pertence a Galicia deses fondos e a súa xestión directa". "Porque se Europa fai unha repartición territorializada, nada impide que se faga tamén dentro do Estado", explicou a líder do Bloque, que sostivo que non se defende a Galicia "con soflamas" nin con "golpes de peito", senón "con feitos". 

"Ofrecinlle ata tres veces nesta Cámara dialogar para pór en marcha unha estratexia de país para obter os máximos recursos do Next Generation, do que debemos aspirar a un 9% para impulsar o sector industrial, a dixitalización ou unha transición enerxética xusta", afirmou nun discurso no que tamén criticou que Feijóo se instale na "crispación", no ataque persoal e o "politiqueo barato".

"150 FOLIOS". Pola súa banda, o presidente da Xunta subliñou que ao encontro con Sánchez acudiu para "defender os intereses de Galicia", que reflectiu en "105 folios" nos que se recollen, "un por un", todos os intereses de Galicia, como que se repartan as vacinas en función do número de poboación á que van dirixidas e non "en función a criterios descoñecidos como até agora". 

"Aquí están os 15.000 postos de traballo que as políticas industriais e enerxéticas do Goberno central están a pór en risco en Galicia. Aquí está que Navantia non ten carga de traballo e centro de 15 días queda sen nada, sen ningún barco nas bancadas", manifestou. 

Após iso, entre outras cuestións, aludiu tamén á falta de "compromiso" do Executivo de Sánchez coas infraestruturas galegas e referiuse a transferencias como as de Costas. Ademais, reclamou ao Estado que deixe a Galicia o "dereito civil", para que "non se meta coas herdanzas en vida", ou "algo tan elemental" como promover o Xacobeo 21/22, as políticas da PAC ou do Brexit. 

Por último, censurou que Galicia, a "comunidade autónoma con maior dificultades para prestar os servizos públicos", sexa a que recibe "menos diñeiro por habitante xunto a Castela e León. "Isto son os intereses de Galicia, señora Pontón", subliñou para volver afear a Pontón o apoio do BNG á investidura de Sánchez. 

Comentarios