Feijóo mantén a intención de esgotar o mandato e suxire que non retocará o goberno

Asegura que a inestabilidade en España "influíu de forma decisiva" para optar ao terceiro mandato. "Estamos en supostos se cabe máis excepcionais", di
Alberto Nuñez Feijoo
photo_camera Alberto Nuñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén "neste momento" a intención de esgotar o mandato, xa que non ve "razóns" que xustifiquen adiantar as eleccións galegas que tocarían no outono de 2020 e suxire que tampouco contempla cambios no equipo de goberno, ao entender que o seu gabinete "funciona con absoluta fluidez". 

"Non temos neste momento ningunha causa para non pensar en esgotar a lexislatura. Hai un orzamento que acabamos de aprobar, estabilidade parlamentaria, un goberno que funciona e temos que dar estabilidade política nunha España na que a inestabilidade xa empeza a facerse crónica", argumenta, nunha entrevista concedida a Europa Press. 

Das palabras do presidente galego despréndese, ademais, que está satisfeito co seu actual Executivo, que ve "moi adestrado e moi formado nas cousas da súa competencia". Nesta conxuntura, defende que "funciona con absoluta fluidez" e tamén pon en valor que se traballa "con absoluta solidariedade" entre os membros do Goberno. 

"Os acertos son do goberno e as equivocacións tamén, empezando polo presidente. Hai cousas que as facemos mellor e outras que temos que mellorar. A responsabilidade é mancomunada", di, nun escenario no que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, converteuse en obxecto dos dardos da oposición, que pide o seu cesamento por decisións como o peche do paridoiro de Verín. 

O Goberno galego funciona con absoluta fluidez e trabállase con absoluta solidariedade

Así as cousas, Feijóo defende que está centrado en dar a Galicia "a estabilidade" da que, ao seu xuízo, carece a política española. De feito, subliña que "nunca" podería imaxinar" que, a pesar de ter unhas eleccións autonómicas en 2020, houbese "máis estabilidade" na comunidade que en España, cun goberno "que segue sen constituírse desde o mes de abril". 

Por iso, a pesar de que todas as miradas dentro e fóra do PPdeG están pendentes de que revele o seu futuro e se optará a un cuarto mandato na Xunta, el insiste: "Neste contexto de frivolidade política, de ruptura do status xurídico, constitucional e institucional que hai en España, o que menos importa é dar a coñecer o candidato do PP en Galicia".

A DECISIÓN DE 2016. Feijóo mantén a folla de ruta de revelar o que vai facer no primeiro trimestre do ano próximo. De feito, defende que non ten "a decisión definitivamente tomada". "As decisións hai que tomalas nos tempos nos que procede e temos o primeiro trimestre de 2020 para tomala", di. 

O popular, quen defendeu no seu día que dous mandatos eran suficientes, evita responder sobre se agora pon un tope, pero si xustifica o paso que deu ao presentarse por terceira vez en 2016 e vincúlao co cambio do panorama político en España e pon o foco sobre todo na "inestabilidade" que había no país. 

"Eu o que quero non é que pase o tren a Madrid", ironiza ao ser preguntado sobre se renuncia de forma definitiva a dar o salto á política estatal

"Cando chegamos ao ano 2016 producíronse dúas eleccións, as de 2015 e as dese mesmo ano, co goberno bloqueado polo 'non é non' de Sánchez. E aquel 'non é non', a inestabilidade da política española e a inestabilidade do goberno da nación influíronme de forma decisiva con outro feito non menor: que non houbese ningunha maioría absoluta en España", recoñece. Ao tempo, reivindica que, "poucos días despois de lograr" el a maioría absoluta en Galicia en 2016, "o PSOE destituíu en Ferraz o seu secretario xeral (Sánchez) e empezou a moverse a investidura do presidente Mariano Rajoy". 

"E agora estamos ante supostos incluso se cabe máis excepcionais, porque estamos no caso de que o 'non é non' ao presidente Rajoy converteuse no 'non é non' ao PP", subliña Feijóo, antes de matizar que a actual tesitura, aínda que hai algunha maioría absoluta máis en España, é "moi complexa". 

Á espera de confirmar se opta ou non a un cuarto mandato, preguntado sobre se pactaría con Vox se se dese a conxuntura e o PPdeG o necesitase para manter o Goberno, responde que el "non" ve a Vox nin tampouco a Ciudadanos dentro do Parlamento autonómico.

Preguntado sobre se renuncia de forma definitiva a dar o salto á política estatal, ironiza: "Eu o que quero non é que pase o tren a Madrid, o que quero é que chegue o tren de Madrid a Galicia". A partir de aí, apunta que el segue "aquí" mentres "moitos" dos que o situaban en Madrid son os que se foron ou están xa "fóra" da política. 

Ave, AP-9 e paridoiro de Verín
A reflexión sobre o seu futuro e o "tren a Madrid" serve a Feijóo para incidir nos "incumprimentos" do Goberno de Sánchez en relación ao Ave a Galicia, tras "certificar que non está concluído en 2019". "Lamentablemente, neste momento non teño a certeza de que a Ave estea sequera no ano 2021", subliña. 

Así, manifesta o seu desexo de poder ter unha reunión "leal e seria" co ministro que tome posesión de Fomento para poder "concretar a chegada da Ave". Máis aló, no ámbito das infraestruturas, manterá outra das demandas incluída na "axenda galega" que puxo sobre a mesa antes das xerais: o traspaso da AP-9, aínda que a súa "prioridade" é a política de peaxes. 

"Xa me gustaría ter pediatras en Verín"
Sobre a polémica a raíz do peche do paridoiro do hospital de Verín, admite que "fallou" a comunicación e insiste na "urxencia" que supón a falta de pediatras. De feito, advirte de que, a día de hoxe, as prazas convocadas aínda non foron cubertas. 

"Xa me gustaría ter pediatras en Verín", remarca, pero insiste en que a problemática non é exclusiva da comunidade e apunta que "o 25 por cento das prazas de pediatría en España están a ocupalas médicos de familia por falta de pediatras". 

Comentarios