Feijóo espera que "unir o traspaso da AP-9 a outros" non sexa "unha forma de aprazalo sine die"

En Marea advirte a Sánchez que o traspaso é unha prioridade irrenunciable para manter o seu apoio e o BNG afirma que populares e socialistas están a dar "largas"

Tramo de la AP-9. AEP
photo_camera A AP-9. AEP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou, tras a reunión da pasada xornada, que o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, non expresou "ningún cambio de postura" en relación á transferencia da AP-9, é dicir, "nin confirmou" o traspaso da infraestrutura a Galicia "nin se pechou por completo" a dar este paso.

"Dise que os galegos nos expresamos de forma ambivalente, pois parece que está estendido", chanceou o presidente, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que reivindicou que el se mantén "fiel" ao seu discurso de investidura e aos acordos unánimes na Cámara.

"Espero que todos sexamos fieis respecto diso. E quero pensar que hai vontade", sentenciou, antes de engadir que espera que "unir o traspaso da AP-9 a traspasos de autoestradas noutras comunidades" non sexa "unha forma de aprazalo sine die".

"Quero pensar que iso é así, porque se imos condicionar o traspaso da AP-9 a outros que solicitan outras comunidades ás que non interesa o cumprimento da Constitución nin a lealdade institucional, evidentemente sería aprazalo sine die", advertiu.

"XA VEREMOS COMO QUEDA TODO"

"Xa veremos como queda todo", resumiu Feijóo, quen remitiu ao control que se faga na comisión de seguimento, onde –avanzou– a Xunta exporá "como primeira cuestión" solucionar "os problemas dos veciños de Redondela", en alusión & nbsp;insonorización das vivendas, a construción do colexio e a eliminación da peaxe de Rande. Tamén se priorizarán" –asegurou– outros viarios comprometidos e o traspaso da AP-9.

EN MAREA DÁ UNHA PRIORIDADE "IRRENUNCIABLE" A LA TRANSFERENCIA

Os deputados de En Marea no Congreso marcan a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia como "principal e irrenunciable" condición para prestar "calquera apoio" ao Goberno de Sánchez, polo que piden "coherencia" ao Partido Socialista e que voten nas Cortes no mesmo sentido que o fan no Parlamento de Galicia.

Así o trasladaron o parlamentario de En Marea no Congreso que, xunto á senadora da formación, Vanesa Angustia, presentaron en Santiago de Compostela a 'Axenda galega do cambio', que recolle 50 demandas "maioritarias" da cidadanía de Galicia que serán trasladadas ao Executivo central no marco das negociacións para a aprobación dos PGE.

A "principal e irrenunciable", en palabras de Alexandra Fernández, é o traspaso da AP-9 no que o PSOE debe ser "coherente" e votar "o mesmo" no Hórreo e nas Cortes, onde chegará a proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Deste xeito, Fernández comentou a visita que o pasado mércores fixo o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, á Comunidade galega para reunirse co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. 

O BNG VE UNHA ESTRATEXIA DO PP E DO PSOE PARA "DAR LARGAS"

O deputado do BNG Luís Bará denunciou que PP e PSOE "comparten a estratexia para dar largas á transferencia e ao rescate da concesión da AP-9", posto que "repiten idénticos argumentos para vetar a petición unánime do Parlamento galego". "Cambian as caras, pero as forzas estatais manteñen a discriminación", incidiu.

"Veu vender abelorios e pretende tomarnos por parvos", criticou o portavoz parlamentario do Bloque en materia de infraestruturas, quen acusou a PP e PSOE de demostrar "que comparten as mesmas posicións". "O exemplo máis claro disto é a AP-9, pois escoitamos por boca do ministro os mesmos argumentos en contra da transferencia que estiveron a dar os sucesivos gobernos do PP como antes do PSOE", recriminou.

é máis, a convocatoria dunha reunión da comisión bilateral de seguimento da AP-9 "non é máis que unha cortina de fume para desviar a atención do que verdadeiramente importa: conseguir a transferencia e o rescate da concesión para acabar cos abusos da concesionaria e coa estafa das peaxes", resolveu Bará. 

Comentarios