Feijóo destaca a Romay Beccaría como "un Mestre Mateo" que construíu a Galicia autonómica

O expresidente do Consello de Estado recibiu o Premio Galegos do Ano que entrega anualmente o diario compostelán El Correo Gallego

Alberto Núñez Feijóo, Romay Beccaría y Miguel Carrero. PEPE FERRÍN
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, Romay Beccaría e Miguel Carrero. PEPE FERRÍN

O xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, destacou ao expresidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría como un dos "Mestres Mateo" que axudaron a construír o "Pórtico" da Galicia autonómica.

Así se expresou no seu discurso o presidente da Xunta, que asistiu na noite deste xoves á gala de entrega dos Premios Galegos do Ano, que outorga anualmente o diario compostelán El Correo Gallego.

Nesta edición, os galardóns recoñeceron a traxectoria de José Manuel Romay Beccaría, que cesou como presidente do Consello de Estado o pasado verán logo de permanecer no cargo desde 2012.

Ademais, os premios tamén recaeron en Miguel Carrero, Felipa Jove, José Delfín Pérez, José Luís Antuña, María Victoria de Rojas, Francisco Leiro, María Luz Couce, Antonio Agrasar, Alfredo García Allut, Manuela Camino, Marcelo de la Cruz, Ana Peleteiro, Fernando Suárez e a tuna da Facultade de Dereito de Santiago.

"Son vostedes a proba viva de que a nosa historia recente é un éxito", asegurou Feijóo no seu discurso, no que puxo especial énfase na figura de Romay Beccaría, considerado un dos seus mentores políticos.

"Na súa persoa conflúen a macro e a micropolítica, os grandes deseños como a transición democrática e autonómica, e a política de proximidade", engadiu, antes de cualificar a Romay Beccaría como un dos "Mestres Mateo" que levantaron "ese Pórtico que é a autonomía".

Comentarios