O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores, tras reunirse coa directiva de Fandicosta e visitar as novas instalacións da compañía en Moaña, o "espírito de superación" da empresa galega tras o incendio que arrasou a antiga fábrica en maio de 2016.
"O máis fácil era pechar e o máis difícil seguir, e eles decidiron seguir", destacou o presidente da Xunta.
Alberto Núñez Feijóo recordou que a directiva se comprometeu no seu día a manter aos 190 traballadores e "cumpriuno".
O máximo responsable da Xunta sinalou que se tratou dun dos "maiores sinistros na industria transformadora de Galicia" e que a empresa o converteu nunha oportunidade para rexenerarse e modernizarse. Asegurou que, ademais, fixérono "sen deixar de pagar aos provedores, nin todos os pagos que tiñan pendentes".
"En menos de dous anos conseguiron modernizarse e consolidarse cunha facturación de 120 millóns de euros no pasado ano e co obxectivo de chegar aos 150 millóns neste 2019", precisou.
"Para iso, imos seguir axudando a Fandicosta", finalizou o presidente da Xunta.
A nova instalación ten máis de 15.000 metros cadrados entre as súas dúas plantas e 13 metros de altura. A empresa realizou, para iso, un investimento de 25 millóns de euros.