Feijóo non descarta actuacións legais da Xunta polo 'caso Fuenlabrada'

O presidente recrimina que o club ou La Liga ou "os dous conxuntamente" puxeron "en risco a saúde pública" cunha viaxe que "nunca debeu producirse" 
 
Una persona mira por la ventana donde se alojan los jugadores del Fuenlabrada. EUROPA PRESS
photo_camera Unha persoa mira pola fiestra onde se aloxan os xogadores do Fuenlabrada. EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, censura que houbo "unha enorme irresponsabilidade" na "conduta do Club de Fútbol Fuenlabrada" ou "da liga" ou dos "dous conxuntamente" na viaxe do equipo á Coruña con infectados por coronavirus. 

Preguntado polos medios pola decisión do Concello da Coruña de levar ao caso á xustiza e se o Goberno galego vai emprender accións legais, Feijóo explicou que se abriu un expediente informativo sobre o caso que "está a ser tutelado" pola asesoría xurídica da Xunta. "E se así o recomenda, farémolo", dixo. 

Así mesmo, sinalou que nese expediente informativo sanitario os inspectores de saúde pública "teñen todas as súas capacidades para facer o que se considere oportuno". 

"Ese expediente informativo sanitario pode traducirse en recomendacións para que sexan estudadas no ámbito da asesoría xurídica. O que é evidente é que aquí púxose en risco a saúde pública", sentenciou o presidente da Xunta. 

"Isto non é un comportamento normal, se hai un positivo o sábado e hai positivos o domingo, o partido celébrase o luns, o que non se pode é viaxar", recrimina.

"PÚXOSE EN RISCO A SAÚDE PÚBLICA".  Logo de desexar que a evolución da saúde dos infectados "sexa boa", reprochou que se puxo en risco a saúde pública". Considera que "non caben interpretacións" cando un ten unha enfermidade contaxiosa e a obrigación de comunicalo, de maneira que "non podía viaxar o equipo a Galicia". 

Así mesmo, sinalou que lle parece "moi sorprendente" que esta situación se vivise en La Liga, a competición "máis importante do mundo", xa que "esa viaxe nunca debeu producirse". 

Fai pública a súa "enorme decepción" polo sucedido, posto que o Fuenlabrada "non é un equipo estranxeiro que non coñeza os protocolos do país" ou un club "de afeccionados". 

Por iso, mostrou a súa "preocupación", á vez que quere que se coñeza "con exactitude que aconteceu", "que responsabilidades deportivas e que responsabilidades sanitarias están dentro deste caso". "Ninguén pode pór en risco da saúde pública dunha cidade, un territorio, unha comunidade ou un país", afirmou.

IMPACTO NA CORUÑA . O titular do Executivo autonómico lamenta que a viaxe do Fuenlabrada "xerou un risco innecesario", no que tacha de conduta "irresponsable" cun "impacto" na cidade da Coruña a nivel turístico e sanitario. 

A modo de exemplo, referiuse ao prexuízo para o hotel no que se aloxan os futbolistas, que "leva moitas cancelacións", entre elas "unha voda bastante ampla". 

No ámbito deportivo, o presidente da Xunta identifica que o Deportivo foi "prexudicado claramente", polo que cre que está no seu dereito "lexítimo" de presentar unha reclamación, pois "todo parece indicar que hai unha adulteración da competición". 
 

Comentarios