Os menores de 60 anos vacinados con AstraZeneca serán chamados en xuño para a segunda dose

O presidente da Xunta confirma que o comité clínico do martes avaliará o alivio dos límites nas reunións
Javi 11.0011,00 h.-        O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitará establecementos comerciais da rúa da Oliva. O punto de encontro será na praza de San Xosé – esquina sede Afundación.     Ao remate (11,45 h aprox) haberá declaracións aos medios na praza da Peregrina. En caso de climatoloxía adversa, as declaracións serán nos soportais da praza da Ferrería.
photo_camera Feijóo visita comercios en Pontevedra. JAVIER CERVERA

Os galegos menores de 60 anos que fosen vacinados con AstraZeneca comezarán a ser chamados na primeira semana de xuño para completar a súa pauta de inmunización, segundo avanzou o presidente da Xunta.

A preguntas dos xornalistas nun acto celebrado en Pontevedra, Alberto Núñez Feijóo sinalou que no goberno galego "estamos a tentar" que o Ministerio de Sanidade "nos concrete" o número de doses de AstraZeneca "das que imos dispoñer" para esta vacinación.

En Galicia, segundo reiterou o seu presidente, "imos tentar" que todos os menores de 60 anos que teñen pendente esta segunda picada reciban o soro da farmacéutica  anglosueca, pero para iso "téñennos que concretar as doses dispoñibles".

"Se temos doses para todos, poñerémoslles AstraZeneca", apuntou o titular do goberno galego, que explicou que "se alguén quere elixir outro fármaco" terán a posibilidade de elixir a vacina de Pfizer ou a de Moderna.

Con respecto ao consentimento informado que deberán asinar todos os que opten por recibir a segunda dose de AstraZeneca, Feijóo sinalou que a Xunta "o está concretando".

O máis probable, segundo aclarou o presidente galego, é que ese consentimento se asine "no mesmo momento de dispensar a vacina" para evitar inconvenientes á poboación, despois de que as enfermeiras informen aos pacientes das súas posibilidades. 

REUNIÓNS. O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da covid-19 estudará este martes aliviar as restricións relativas ás reunións sociais, fixadas nun máximo de catro persoas en espazos interiores e seis ao aire libre.

O presidente da Xunta de Galicia anunciou este luns en Pontevedra que este será un dos aspectos que se analizará nesta próxima reunión, xunto con novas medidas de desescalada relacionadas co lecer e a cultura.

Núñez Feijóo explicou que as autoridades sanitarias dispoñen xa de datos relativos ao "período epidemiolóxico completo" desde que o 8 de maio ampliouse o horario dos bares ata as 23:00 horas e dos restaurantes ata a unha da madrugada.

Agora, mesóns, taperías e similares poden abrir ata a 1.00 exclusivamente para ofrecer ceas.
Cos resultados en man, sinalou o presidente galego, "avaliaremos unha nova apertura" relacionada coas reunións entre grupos de non convivientes e con actividades lecer ao aire libre, entre elas verbenas, festas populares e concertos ao aire libre.

Ademais, na Xunta estarán "moi atentos", segundo Feijóo, á decisión que adopte o Goberno central sobre o lecer nocturno para poder abordar unha posible reapertura do sector.

Comentarios