Feijóo rexeita "facer política co virus" e a oposición pide a súa comparecencia no Hórreo

O BNG pide suspender os comicios e Galicia en Común e Marea Galeguista envían escritos á xunta electoral
Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.LAVANDEIRA JR (Efe)

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que a situación epidemiolóxica de Galicia é "tranquila" e "mellor en calquera parámetro" que a do resto de España a pesar da evolución do brote da Mariña, con máis dun centenar de infectados. Por iso, comprometeu "transparencia" e "rigor" e rexeitou "facer política cun virus". 

Ao termo dun acto electoral na Coruña, en declaracións aos medios, e mentres a oposición puxo o foco con intensidade no brote da Mariña, o presidente galego pediu "un pouco de proporcionalidade e responsabilidade" e subliñou que a comunidade está ás portas de decidir "o seu futuro" para os próximos catro anos. 

Un día despois de que a Xunta anunciase o peche da Mariña polo menos durante cinco días, Feijóo, no seu día criticado pola oposición por fixar as eleccións para o 12 de xullo, reafirmouse en que "canto máis se espere, máis xente visite Galicia e máis fronteiras se sigan abrindo, máis posibilidades hai de brote". 

Nesta conxuntura, quixo enmarcar o brote da Mariña –a comunidade rexistrou outro no Barbanza, que dá por controlado– dentro dos "corenta e pico" que hai en España, e garantiu que se manterá unha reunión diaria cos alcaldes da zona, que serán "informados os servizos sanitarios e incluso directamente polo conselleiro de Sanidade", Jesús Vázquez Almuiña. 

Feijóo comprometeu "transparencia" en todo o que faga a Xunta e "rigor", o mesmo co que, defendeu, se actuou durante a xestión do pico da pandemia. "Non creo que se deba facer política cun virus. Polo menos os que intentamos preservar a saúde por encima de calquera consideración imos seguir traballando con rigor e pedindo á xente que nos axude, porque unha persoa que non cumpra as obrigacións non só vaise a infectar ela, senón que infectará a moitos outros que non llo merecen", resolveu. 

DEPUTACIÓN PERMANENTE. Os grupos da oposición na Cámara galega –PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto (integrado exclusivamente por En Marea)– uníronse para solicitar que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, compareza ante a Deputación Permanente para informar sobre o brote de coronavirus na comarca luguesa.

Nun escrito rexistrado na mañá deste luns, ao que tivo acceso Europa Press, demandan a convocatoria do órgano interino do Lexislativo galego para abordar a proposición, que pide a Núñez Feijóo que ofreza explicacións no Pazo do Hórreo sobre a situación no norte de Lugo, pechado desde a madrugada do luns ante o incremento de casos, que exceden xa a barreira do centenar de infectados. 

A petición prodúcese a menos dunha semana para a celebración este domingo dunhas eleccións autonómicas que o Bloque pide xa suspender na comarca afectada, mentres que Marea Galeguista e Galicia en Común enviaron senllos escritos á xunta electoral nos que cuestionan sobre como se desenvolverá o proceso no caso de que A Mariña continúe cunhas restriciones que, polo momento, manteranse ata o venres. 

Losada: "A competencia é da Xunta"
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lembrou este luns que a Xunta de Galicia é a que ten todas as competencias para decidir sobre as eleccións a raíz do rebrote da Mariña unha vez que varios partidos pediron o seu aprazamento, de maneira que a decisión -dixo- correspóndelle a Núñez Feijóo e o Goberno central está á súa disposición. 

"Non me corresponde a min e sería inadecuado que fixese algunha valoración desta posibilidade: isto depende do presidente da Xunta, que é quen debe facer o que considere oportuno para defender a saúde non só na Mariña, senón en toda Galicia", apuntou Losada en declaracións á prensa tras un acto xunto á ministra de Traballo, Yolanda Díaz. 

Comentarios