Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

Feijóo avanza que este mes aprobaranse as liñas xerais do plan de transporte público

Inauguración de Expobús en Silleda. PATRI FIGUEIRAS
Inauguración de Expobús en Silleda. PATRI FIGUEIRAS

Recorda que en 2019 finaliza a vixencia de todas as concesións de transporte regular interurbano da comunidade

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que este mes o Consello da Xunta aprobará as liñas xerais do Plan de transporte público de Galicia, chamado a deseñar a rede de autobús da próxima década na comunidade co reto de configurar un transporte público "máis útil, máis eficiente e máis sostible".

Así mesmo, expresou a importancia de que este plan se converta nunha oportunidade para a modernización dunha flota de máis de 3.000 autobuses, á vez que recordou que o próximo ano 2019 finaliza a vixencia de todas as concesións de transporte regular interurbano da comunidade. "Queremos que os autocares máis novos, máis accesibles e máis confortables sexan os garantes dunha maior demanda e utilización do transporte público", proclamou o presidente, quen presidiu este venres o acto de inauguración da feira Expobus Iberia Silleda 2018.

Consciente do desafío, Feijóo remarcou que a Xunta "seguirá apostando polo diálogo e a cooperación" para conseguir o éxito neste obxectivo e configurar un sistema de transporte público "capaz de responder con eficacia ás necesidades de mobilidade en Galicia ás portas da terceira década do século XXI". "Unha Galicia que pouco ten que ver coa Galicia de cando se deseñaron as actuais concesións de transporte, moitas delas na metade do século XX, cando non existían moitos dos hospitais, dos parques empresariais e dos centros de ensino que este venres motivan gran parte das necesidades de desprazamento", esgrimiu.

Por iso, defendeu que é preciso "ordenar e reformular unhas concesións de transporte que obedezan realmente á Galicia urbana que hai", pero "sen descoidar a esencia do pobo galego, que segue sendo a Galicia rural. Para logralo, a Administración conta -remarcou- coa experiencia iniciada máis dun ano atrás mediante novas modalidades como o autobús compartido e baixo demanda".

IMPORTANCIA DO SECTOR. Na súa intervención, Feijóo destacou "a enorme importancia económica deste sector", cuxa facturación anual supera en Galicia os 400 millóns de euros, ocupa a máis de 170 empresas e dá traballo a máis de 4.000 persoas.

O titular do Executivo autonómico concluíu destacando a importancia da celebración da feira Expobus Iberia Silleda, que, con 46 expositores e a participación de 100 firmas procedentes de 13 países, convértese nun "escaparate único" sobre o presente e o futuro do transporte de viaxeiros "desde unha ampla perspectiva".

LXX ANIVERSARIO DE CASTROSUA. Na visita á feira, o presidente tamén participou no acto de celebración do LXX aniversario do Grupo Castrosua, onde resaltou a longa traxectoria do grupo, así como a súa aposta por seguir avanzando pola senda da "innovación e a renovación constante".

Reivindicou que os seus 70 anos conforman "a historia do éxito dunha mestura equilibrada de tradición e modernidade", destacando a figura de José Castro Suárez, quen "consagrou a súa vida profesional á optimización do transporte de pasaxeiros mediante solucións singulares e pioneiras", como a aposta pola plataforma baixa que fixo os autobuses urbanos máis accesibles ou a recente presentación dun novo autobús híbrido.

Feijóo avanza que este mes aprobaranse as liñas xerais do plan de...
Comentarios