Feijóo ataca a Villares polo tuit de Santos e critica as "leccións" de igualdade

En Marea e BNG afean o caso de Baltar ao presidente, quen alude á falta de "autoridade" do líder da formación por non pedir a Carmen Santos que se desculpe

A sesión de control centrada en igualdade deste mércores, Día Internacional da Muller, derivou nun duro cruzamento de acusacións entre os portavoces de En Marea, Luís Villares, e BNG, Ana Pontón, quen criticou con dureza ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Este volveu ao polémico tuit sobre violencia machista de Carmen Santos e a algunhas expresións de Pablo Iglesias para cuestionar o discurso de igualdade dos seus rivais e a "autoridade" de Villares.  

Tras un primeiro debate co socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, máis tranquilo, Feijóo e os outros dous grupos da oposición confrontaron con intensidade. E é que, de novo, o xefe do Executivo situou no foco o polémico tuit da deputada Carmen Santos, responsable de Podemos en Galicia, no que os populares interpretan, a falta dunha coma, que a parlamentaria lles acusa de asasinar mulleres.  

O tuit de Santos que desatou esta polémica que se arrastra desde o domingo di:

"Estas declaracións son impresentables", proclamou Feijóo, antes de pedir "desculpas formais en nome das mareas" a Luís Villares. "Unha desculpa, señor Villares, e seguimos falando", esgrimiu Feijóo, quen sentou sen responder á pregunta de En Marea na súa primeira quenda, aínda que posteriormente si esgotou o tempo da súa segunda intervención.  

"Non pretenderá que un home lle diga a unha muller o que ten que facer? Respecto que se indignen por un erro gramatical, pero o que indigna a En Marea é que as mulleres sexan asasinadas", replicou Villares, quen defendeu, fronte ao feminismo "sen etiquetas nin siglas" que abandera o xefe do Executivo, "un feminismo orzamentario e político".  

Sobre o denominado caso Baltar, no que tamén está investigada a muller que o denunciou por acoso sexual, o dirixente de En Marea preguntouse "como quedará (ao líder do PP ourensán) o lazo morado no seu traxe de machista e macho da política" que este mércores lucían os deputados populares en homenaxe ao Día da Muller.  

"E de asasino, non?", ouviuse desde as filas populares, en ton de crítica e alusión ao tuit de Santos. "Vostedes o dixeron, non eu", replicou Villares, á vez que interviña o presidente da Cámara, Miguel Santalices, para retirar "esta palabra" do diario de sesións. Antes de que acabase o pleno, Santalices chamou á orde a un Antón Sánchez indignado con expresións que saía das filas populares.

FALTA DE "AUTORIDADE" DE VILLARES. "Dentro das competencias do presidente da Xunta está a de velar pola dignidade do pobo ao que representa", replicou Feijóo, quen, na súa segunda quenda, identificou o feito de que Villares non se desculpase nin esixise facelo a Carmen Santos como un recoñecemento de que non ten "autoridade" en En Marea. "Comprendo cales son os seus límites, pero non sabía que eran tan limitados", apostilou.  

A continuación, advertiu que non admite "leccións" de ninguén, pero, sobre todo, de quen teñen "tanto que corrixir" nos seus propios partidos. Así, recordou algunhas expresións do xefe de filas de Podemos, Pablo Iglesias, relativas a unha presentadora de televisión ("azoutaríaa ata que sangrase"), a alusión a unha xornalista ("bonito abrigo de peles") ou ás "miradas luxuriosas" de Rita Maestre.  

No medio da súa diatriba cara a En Marea, confundiuse e interpelou a Leiceaga quen levantou a vista sorprendido. "Desculpe, aínda hai moita diferenza entre Leiceaga e as mareas de Podemos. Ve? Non é tan difícil pedir desculpas cando un se equivoca", esgrimiu Feijóo, quen insistiu en que nin dá nin aceptará "leccións" nin vai negar "os problemas" en igualdade. "E a partir deste pleno, autoridade no seu grupo, ningunha", indicou o xefe do Executivo a Villares.

Comentarios