Feijóo di que traballará para que o Ave chegue "máis rápido a Vigo" e censura a Caballero

O alcalde de Vigo denuncia que Fomento tardou máis de dous anos en pedir os informes para a declaración de impacto ambiental da variante de Cerdedo
Feijóo en Vigo
photo_camera Feijóo en Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este mércores que o Goberno galego "seguirá traballando" para lograr que o Ave "chegue máis rápido a Vigo", en alusión á variante de Cerdedo. Respondeu así ás críticas do alcalde olívico, Abel Caballero, recordando que, cando o socialista era ministro, chegou a prometer o Ave galego para 1993.

En declaracións aos medios tras participar nun acto en Vigo, Núñez Feijóo sinalou que está "afeito aos comentarios" do rexedor vigués sobre os atrasos da alta velocidade ferroviaria e, ante iso, "o mellor que se pode facer é seguir traballando para que chegue a Galicia en 2019". Segundo recordou, aínda están pendentes 90 quilómetros do tramo a Ourense e "despois quedan tres obxectivos: que o Ave chegue a Lugo, que chegue máis rápido a Vigo e que se adecuen as vías para que poida entrar o tren de velocidade alta en Ferrol".

"Son os tres obxectivos que nos quedan e vou seguir traballando por eses tres obxectivos. É verdade que algúns políticos se comprometeron a que o Ave chegaría a Galicia en 1993. Son os mesmos que agora din que hai un atraso nas comunicacións", ironizou o presidente galego.

Feijóo subliñou que "as hemerotecas son o suficientemente claras para distinguir a un político que intenta tomarse aos cidadáns en serio, e outros que intenta usalos para liquidar conflitos de todo tipo, incluso conflitos internos importantes da súa formación política". 

CABALLERO. Por outra banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que xa recibiu resposta carta enviada ao ministro de Fomento sobre o atraso na execución da variante de Cerdedo. Segundo informou en rolda de prensa, Íñigo de la Serna explica na súa resposta que o proxecto segue pendente de informes (de Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da dirección xeral de Conservación da Natureza) na tramitación da declaración de impacto ambiental.

O alcalde olívico denuncia que a declaración de impacto solicitouse en xaneiro de 2015 e que os informes seguen sen presentarse, e xa que logo, interpreta que "os acaban de pedir hai uns días, cando recibiron a carta e saben que Vigo se vai mobilizar". "A resposta do ministro é unha confesión de que non o quere facer, de que está paralizado e metido nun caixón", criticou.

O rexedor, quen cre que Íñigo de la Serna "non di a verdade" sobre os prazos do Ave e a variante de Cerdedo, proclamou que, a pesar de que o Goberno e o PP non queren que se execute o proxecto, a cidade "vaillo arrincar". "E xa sabemos de que lado está Feijóo, durante dous anos non nos dixo que non lle pediron os informes para a declaración de impacto ambiental. Actuou en conivencia para que Vigo non teño Ave directo a Madrid", engadiu.

Comentarios