Feijóo asegura que Galicia será punteira en telecomunicacións en 2013

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que Galicia estará no ano 2013 en canto a infraestruturas de telecomunicacións ao nivel das zonas máis competitivas da Unión Europea.

Tras unha visita ao operador público Retegal acompañado pola secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, o presidente galego indicou durante un breve discurso ante responsables do centro e xornalistas que aínda que a comunidade galega chegou tarde ás infraestruturas viarias e ferroviarias, non o fará ás de telecomunicacións.

Destacou que nos tres anos de lexislatura a cobertura de banda ancha incrementouse de algo máis do 70 por cento ao 90 por cento e dixo que neste ano se abordará a posta en marcha da cobertura por satélite para chegar ao 6 % da poboación á que non se lle pode dar acceso a banda ancha por outros medios.

No seu discurso, destacou as dificultades tanto económicas como orográficas para dar cobertura, pero comprometeu a "máxima vontade" do Goberno galego para solucionalo.

Segundo Núñez Feijóo, durante este ano completaranse os obxectivos do Plan de banda ancha, de modo que todos os galegos teñan cobertura, que todos os polígonos industriais teñan acceso de calidade a esta tecnoloxía, que todas as instalacións dependentes de servizos públicos, xulgados, centros de saúde tamén teñan acceso.

Ademais, entre os obxectivos que tamén prevé cumprir a Xunta está eliminar o desequilibrio territorial de acceso á banda ancha e facer que 1,2 millóns de galegos teñan acceso a redes de última xeración.

Deste xeito, "a pesar das dificultades, en 2013 Galicia estará ao nivel das zonas máis competitivas da UE" no ámbito das infraestruturas de telecomunicacións.

Entre outros datos, Núñez Feijóo asegurou que Retegal instalará 116 novas torres de telecomunicacións para despregar a axenda dixital 2014.gal e que se unirán ás 193 xa existentes.

Ademais, destacou que esta empresa pública, que conta con 47 traballadores, é unha operador "clave" e "cada vez máis rendible", xa que no que vai de lexislatura aumentou a súa facturación un 25 por cento e "só un 5 % do seu orzamento depende de ingresos públicos".

Entre outros fitos desta empresa, Núñez Feijóo destacou o paso á TDT, o apagamento dixital, o seu papel como un operador integral e a súa colaboración no recente lanzamento do picosatélite "Xatcobeo", coa Universidade de Vigo.

Comentarios