Feijóo anuncia o primeiro plan de igualdade para o persoal da Xunta 

A sesión de control do Parlamento deste mércores foi monográfica sobre igualdade e estivo cargada de acusacións cruzadas de machismo entre a bancada da dereita e a da esquerda

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores a inminente aprobación dun plan de igualdade e conciliación para o persoal da Administración galega, o primeiro destas características que se aprobará nunha comunidade autónoma en España. Avanzouno nunha sesión de control do Parlamento que, en vésperas do Día da Muller (8-M), foi monográfica sobre igualdade. 

Foi unha hora de sesión cargada de tensión na que as acusacións cruzadas de machismo entre a bancada da dereita e a da esquerda acabaron con chamadas á orde ao portavoz de En Marea Luís Villares e ao deputado do BNG Xosé Luís Rivas Mini. Tampouco faltou un agre enfrontamento final que levou a uns e outros a retirar do diario de sesións algunhas das expresións desafortunadas ou saídas de ton usadas nalgunhas fases do debate. 

Iso si, máis aló do anuncio do presidente e dos habituais intercambios de estatísticas laborais, salariais e sociais que evidencian a discriminación feminina en Galicia e España, o pleno deixou pouco aproveitable, salvando catro propostas do BNG e un par delas dos socialistas. 

E como era de esperar, as alusións á entrevista do presidente Feijóo en Salvados tardaron en saír menos dun minuto. Ata o propio presidente tirou de ironía para pechar a súa intervención ao insinuar que a indignación de En Marea respecto diso viña motivada "porque un cargo do PP ocupou unha hora da programación" de La Sexta. "Imaxinen se chegan a emitir as catro horas de preguntas e respostas que hai gravadas", resolveu o presidente.

Comentarios