A Xunta incorpora máis profesionais sanitarios e apraza o cobro de varios impostos

Prevé sumar 167 facultativos e enfermeiros aos 191 residentes xa autorizados e contratacións de equipamento por 7 millóns de euros

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comparece na Deputación Permanente para informar sobre a evolución da pandemia do COVID-19 e as medidas adoptadas respecto desta situación pola Xunta
photo_camera Sesión deste xoves no Parlamento de Galicia. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que o Goberno galego aprobará este venres a compra de máis material, a contratación de máis persoal sanitario e outras medidas, entre elas, a suspensión do cobro dalgúns impostos para loitar contra o coronavirus e paliar as súas consecuencias.

Así, nunha intervención ante a deputación permanente do Parlamento galego, anunciou que se publicará nos próximos días unha nova orde para ampliar os contratos de 145 facultativos máis (médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos), ademais de 22 enfermeiros. Sumaranse aos 191 profesionais residentes xa autorizados previamente, que están no seu último ano de formación. "Entre os dous procesos estamos a falar dun total de 358 profesionais, que se suman aos máis de 39.000 que xa ten o Sergas", explicou.

O presidente da Xunta insistiu en que "o peor desde o punto de vista asistencial, nas Ucis, está por chegar". "Veñen semanas moi duras no ámbito sanitario", advertiu, á vez que recoñeceu que o confinamento "deu os seus froitos".  

O popular pide ás forzas políticas "estar á altura" dunha situación "sen precedentes"

Ante esta situación, o material segue sendo unha preocupación, polo que se autorizarán novas contratacións por 7 millóns de euros. Máscaras, luvas, batas e tests de extracción e diagnóstico "todos os que se poidan conseguir".

Neste punto, Feijóo asegurou comprender as dificultades do Ministerio de Sanidade, ao que mostrou a súa "lealdade", para facerse con material e distribuílo, pero subliñou que "ver que non acaba de chegar e que o que chega é escaso acrecenta a preocupación que comparten os profesionais".

Feijóo tamén detallou que a Xunta aprobará este venres a suspensión de prazos de presentación do Imposto de Transmisións Patrimoniais, de Sucesións e tributos do xogo. Non terán que ser presentadas ata o 30 de xuño e, en caso de extensión do estado de alarma, ata un mes despois de que se levante.

Esta medida favorecerá a 32.000 persoas, segundo os cálculos da Xunta, que tamén aprobará un plan específico para dar liquidez á súa propia tesourería e atender pagos, sobre todo a provedores, e profundará nas medidas económicas xa avanzadas, como os préstamos a autónomos e pemes. 

GRUPOS. Na sesión parlamentaria, que comezou cun minuto de silencio en memoria das persoas falecidas e como mostra de solidariedade con todos os afectados, o popular pediu ao conxunto das forzas políticas "estar á altura" da situación "sen precedentes" xerada polo coronavirus e dirixiu unha mensaxe para o conxunto da sociedade e en especial para os maiores: "Non estades sós", "volverán os días bos".

A oposición levanta a voz contra os "recortes"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballaro, pediu no Parlamento que a "acción pública" sirva de escudo "de protección" a todos os galegos vulnerables. "Non van ser as grandes empresas, os grandes poderes, non van ser os grandes relatos os que van dar unha saída. A saída desta situación están a dala o persoal sanitario e os traballadores do común", subliñou.

O socialista subliñou que unha das leccións que haberá que aprender desta situación é a "importancia de fortalecer o estado do benestar" e, despois de que Feijóo reivindicase a anticipación de Galicia ao decretar a declaración de urxencia sanitaria, asegurou ter que "lamentar" que isto "non foi así".

Común da Esquerda
O portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, reclamou ao presidente da Xunta elaborar uns novos orzamentos autonómicos tras a crise sanitaria e esixiulle que explique as doazóns de material sanitario a Madrid nun momento no que o propio Goberno autonómico está a reclamar ao Executivo central que o envíe a Galicia e que os sanitarios tamén acusan a súa falta.

Sánchez, que mostrou o seu "orgullo e admiración" cara aos traballadores sanitarios e de servizos sociais e esenciais, subliñou que hai que loitar contra a pandemia e contra "os recortes dos últimos anos en sanidade".

Bloque
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou ante Feijóo a necesidade de gobernos capaces de anticiparse aos problemas como o derivado da pandemia do coronavirus e propuxo a posta en marcha dunha mesa económica e social na que os axentes sociais e os partidos políticos "encaren o futuro".

A nacionalista fixo fincapé na necesidade de tomar medidas como o peche dos focos de contaxio, "blindar" Galicia e parar toda a actividade económica non esencial. Avanzou, ademais, que unha vez superada a crise o BNG pedirá que se reactive a comisión de investigación sobre a situación da sanidade pública galega.

Grupo mixto
Davide Rodríguez, do grupo mixto, coincidiu co resto en asegurar estar á beira do Goberno galego nas cuestións que merezan ser apoiadas, aínda que incidiu no "desmantelamento" do servizo publico de saúde. "Levamos moitos anos retrocedendo, non adiantándonos", concluíu.

Comentarios