Feijóo anuncia un aumento salarial para os empregados públicos da Xunta

O presidente destaca a rehabilitación da sede da Xunta

Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou un aumento salarial para os empregados públicos da Xunta na próxima nómina -na correspondente a xullo aplicarase unha subida do 0,25%-, de forma que en 2019 percibirán unha media de 885 euros anuais máis que en 2018 -un 2,5% máis-. Feijóo fixo este anuncio ante numerosos traballadores e altos cargos da Administración autonómica, que este mércores asistiron na sede da Xunta á presentación da rehabilitación exterior do Complexo Administrativo de San Caetano.

Na súa intervención e ante a maior parte dos membros do seu Goberno, o máximo mandatario autonómico asegurou que aínda que o incremento retributivo supón uns 885 euros máis neste 2019 sobre o exercicio pasado, suporá 3.825 euros máis que o que os empregados públicos da Xunta cobraban en 2015, "no inicio da recuperación económica".

Todo iso nun discurso no que agradeceu o "esforzo" dos traballadores públicos que "sufriron nos seus emolumentos" o "castigo" das "vacas fracas" que se pasaron en España, "un país que estivo a piques de pedir o rescate". "Xa sexa pola decisión do Goberno central de baixar as retribucións naquel 5% de media, xa sexa pola decisión do Goberno central de conxelar as ofertas públicas de emprego nas leis de orzamentos anualmente, xa sexa pola decisión do Goberno da Xunta como consecuencia de que necesitabamos diñeiro para seguir traballando sobre todo na sanidade e na educación e que durante unha lexislatura pedimos un esforzo nas pagas extras, eu queira agradecer ese esforzo", manifestou o presidente autonómico.

REHABILITACIÓN EXTERIOR EN SAN CAETANO. Feijóo avanzou esta subida salarial durante a súa intervención na presentación da rehabilitación exterior do Complexo Administrativo de San Caetano, un acto no que tamén participaron a empregada pública que menos tempo leva na Xunta así como a máis veterana, Marta Gómez e Pilar López, respectivamente.

No seu discurso, o máximo mandatario autonómico aseverou que este mércores se inaugura un exemplo de restauración que recupera a imaxe orixinal duns edificios que se empezan a construír en 1911 e que tiveron usos educativos, militantes e, finalmente, administrativos a partir de 1984. Neste sentido, sinalou que aos galegos entrégaselles un edifico con novos tellados feitos con tella galega, con máis de 1.100 fiestras illadas con madeira de castiñeiro, dotados dunha nova envolvente térmica e dunha nova iluminación LED.

Así mesmo, resaltou que a eficiencia enerxética de San Caetano iníciase coa instalación da caldeira de biomasa en 2016 para facer deste complexo un "exemplo máis" da "Galicia verde", que permitirá alcanzar "un aforro anual de 175.000 euros no gasto enerxético".

Comentarios