Feijóo alerta do gran erro de entregar España ''a persoas que non coñecemos''

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo da enquisa de El País que sitúa a Podemos como primeira forza política en España en intención de voto que as sondaxes son o que son, aínda que loxicamente toca "tomar nota" e sacar conclusións, unha delas o grave erro de entregar España a persoas "que non coñecemos".

"As enquisas, enquisas son, sobre todo antes de albiscar sequera unha campaña electoral afastada", dixo, pero "é certo que todos temos que tomar nota e todos temos que sacar as conclusións que correspondan" aínda que "hai moito tempo de xogo aínda", sinalou a preguntas da prensa antes de inaugurar en Compostela a mostra "CSIC: 75 anos investigando ao servizo da sociedade".

Tomar nota, remarcou, non significa cambiar os "principios básicos", e consultado Núñez Feijóo por se convén unha refundación, comentou que esa sería unha pregunta para todos, e en todo caso entendeu o concepto no sentido de que o seu partido debe de ser non soamente o máis votado en cada cita coas urnas senón o que gañe claramente as eleccións.

"Ese é o obxectivo: non só gañar, senón gañar claramente as eleccións. E para estar de primeiro e gañar claramente as eleccións sempre hai que facer axustes e sempre hai que buscar os mellores candidatos", comentou aos informadores.

Comentarios