Feijóo afirma que a proposta de Sánchez para reformar a Constitución é "frívola"

Considera que unha modificación da Carta Magna ten que facerse con máis "seriedade e prodencia" e falando con outros grupos parlamentarios

Constitución Española. AEP
photo_camera Constitución Española. AEP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que reformar "a Constitución" é "o proxecto lexislativo máis serio que pode presentar un país", polo que cualificou como "frívola" a proposta formulada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dado que, ao seu xuízo, carece de rigor, "tanto na forma como no fondo".

Feijóo fixo estas declaracións aos medios de comunicación en Lugo, onde viaxou para asistir á apertura da nova escola infantil da rede Galiña Azul, construída pola Fundación Amancio Ortega.

"Dar roldas de prensa e propor cousas que afectan á soberanía nacional e á lei de leis, que é a Constitución Española, debe facerse con máis seriedade, con máis prudencia e, sobre todo, con máis altura de miras", dixo Feijóo.

Recordou que "modificar a Constitución afecta a todos", de modo que "o primeiro que hai que facer" é "falar co conxunto dos grupos parlamentarios que teñen a capacidade para aprobar esa modificación".

Por iso, opina que o Goberno fixo unha proposta cunha clara "falta de rigor, tanto na forma como no fondo". "Na forma porque non se falou con ninguén e no fondo porque se presenta nunha comparecencia do presidente diante duns empresarios", engadiu.

"Cando haxa un proxecto serio, poderemos falar seriamente. Reformar a Constitución dun país é o proxecto lexislativo máis serio que pode presentar un país. Isto fíxose da forma máis frívola", insistiu.

Segundo Feijóo, para abordar "algo tan serio", hai que "falalo" previamente "cos grupos, valoralo e presentalo conxuntamente".

Comentarios