Feijóo anuncia ''1.400 prazas máis'' de comedor escolar o próximo curso

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o próximo curso haberá "como mínimo 1.400 prazas máis" de comedores escolares, que para o 80 por cento dos alumnos serán gratuítas.

Núñez Feijóo dixo tras o Consello da Xunta que respecto ao curso 2008-09 o próximo curso haberá 11.000 prazas novas, o que supón un aumento do 22 por cento.

Preguntado polo acordo alcanzado onte no Parlamento sobre a apertura de comedores escolares no verán para atender a nenos con necesidades, o titular de Xunta explicou que se porá en coñecemento dos servizos sociais dos concellos a situación das familias e a necesidade de abrir infraestruturas municipais, comedores educativos, para atender as súas necesidades de alimentación. En calquera caso, indicou que o obxectivo da Xunta é que "ningún neno necesite" esa atención e insistiu no aumento de prazas para o próximo curso. "Cumpriremos o compromiso adquirido onte e que ningún neno de familias en dificultades sexa desatendido", sinalou.

O Parlamento galego acordou este mércores que a Xunta poida establecer convenios cos concellos interesados para que os comedores escolares poidan estar abertos durante as vacacións.

O deputado do PP Román Rodríguez sinalou na sesión plenaria que a proposta orixinal de Ramón Vázquez (AGE) tal e como fora exposta non era a opción máis adecuada, na súa opinión, posto que achegaría "excesiva visibilidade" cara aos nenos afectados e xeraría discriminación aos usuarios, polo que reclamou "evitar efectos perversos".

Comentarios