jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A Fegamp cre que as axudas á hostalería chegan "un pouco tarde"

Imaxe de arquivo dunha reunión da FEGAMP. EFE
Imaxe de arquivo dunha reunión da FEGAMP. EFE
Alberto Varela defende que as entidades locais reaccionaron "antes" que a administración autonómica

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, defendeu este domingo que as entidades locais reaccionaron "antes" que a administración autonómica para axudar ao sector da hostalería, polo que o anuncio de axudas da Xunta, na súa opinión, chega "un pouco tarde".

Nunha entrevista en Radio Nacional, Varela destacou o "drama social" que está a supor o peche da hostalería para os municipios que dependen en gran medida do sector servizos por mor das restricións establecidas para intentar atallar a pandemia provocada pola covid-19. 

En calquera caso, incidiu na necesidade de pór recursos sobre a mesa e asegurou que mediante a exención do pago de taxas municipais e outras decisións, como axudas directas, en moitos municipios xa se está actuando e xa se actuou, porque "non é a primeira vez que pecha", dixo.

"Agora escoito á Xunta dicir que van axudar con 12 millóns, despois con 17 millóns, pero a realidade é que esas axudas aínda non chegaron", concluíu. 

Varela destacou que na comisión de reactivación do Parlamento, na que comparecerá este luns, incidirá en pedir máis recursos para que os municipios poidan atender as funcións impropias que cada vez máis lles encargan outras administracións e cos medios cos que contan na actualidade "non dan abasto".

"Non é lóxico que se nos encarguen cuestións sen comprobar antes se temos a capacidade para facelas", resumiu. E ademais tamén porá de manifesto a necesidade de abordar unha reforma do financiamento local. 

Sobre a información que os municipios reciben da Xunta respecto dos contagios, Varela insistiu en coñecer máis datos dos que facilita o Goberno autonómico e advertiu: "dar información nunca pode ser unha política equivocada, senón a vía" para resolver problemas e poder actuar. 

Tamén opinou sobre as fusións municipais, unha vía que na súa opinión "non era o camiño acertado", aínda que si se manifestou a favor de mancomunar servizos, unha opción máis viable e tamén necesaria.

A Fegamp cre que as axudas á hostalería chegan "un pouco tarde"
comentarios