A Federación Galega de Pesca pide explicacións á CHMS polo nivel dos encoros

O organismo considera "inaceptable" a situación e solicita que se aclare se se produciron de forma legal
El embalse de Belesar, hace dos semanas. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera O encoro de Belesar atópase a menos dun 30% da súa capacidade. MIGUEL PIÑEIRO

A Federación Galega de Pesca e Casting demandou explicacións á Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola "inaceptable" e "anómala" baixada de nivel dos encoros da conca, que se atopan en conxunto á metade da súa capacidade, algúns incluso en torno ao 25%. 

O presidente da federación, Manuel Mouzo, remitiu unha carta ao presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, na que expresa a súa preocupación polos efectos sobre fauna e flora destes espazos que carrexa a perda de auga nestes encoros. 

"Esta excepcional baixada do nivel de auga embalsada, ademais de pór nestes momentos en perigo a vida das especies que nesa masa de auga habitan, tamén a pon no inmediato futuro debido á incerteza de poder garantir os caudais mínimos ecolóxicos en próximas datas", sinala na súa carta Mouzo. 

Así, apelan a que a confederación aclara as circunstancias dunha baixada de nivel que cualifican de "brutal e singular", rexistrada ademais "nun curto espazo de tempo" e que deixa a cantidade de auga que albergan na actualidade a moita "distancia" da porcentaxe que presentan os encoros doutras concas. 

Neste sentido, os pescadores inciden en que "non constan circunstancias excepcionais ou distintas" que expliquen o comportamento distinto que presenta a conca Miño-Sil, polo que apela ao seu titular que aclare se as baixadas de nivel foron notificadas e realizáronse en cumprimento coa lexislación vixente. 

"Non sería temerario pola nosa banda falar de gravísimo atentado ao medio ambiente ao permitir que se reducise o aforamento de certos encoros ata chegar a tan só un nivel dun 13 ou 15% da súa capacidade", conclúe a federación.

Comentarios