Falece un pescador nun encoro en Bande

Un pescador duns 50 anos faleceu este domingo no encoro das Conchas situado no municipio ourensán de Bande, segundo confirmaron fontes de Protección Civil de Lobios.

A alerta produciuse pasadas as 16.15 horas, cando un particular avisou por teléfono a Protección Civil da aparición dun cadáver na cola de encoro, nas proximidades da desembocadura do río Cadós.

Tras desprazarse ao lugar dos feitos, efectivos de Protección Civil conseguiron acceder á zona na que se atopaba o cadáver do home cunha zódiac. "Estaba situado nun emprazamento de moi difícil acceso", explicaron fontes deste servizo de rescate.

Polo momento descoñécense as causas da morte do home, veciño da localidade do municipio ourensán de Maside. Si está confirmado que o home estaba a practicar a pesca no encoro cando se produciu a morte, xa que estaba vestido con roupa especial e varios dos seus utensilios tamén foron localizados nas proximidades.

Dúas mortes e un desaparecido
A falta de que se lle practique a autopsia que determine as causas da morte, barállase que o home sufrise algún ataque repentino ou que falecese afogado.

Esta é o segundo falecemento dun pescador este fin de semana en Galicia, despois de que un home perdera a vida o sábado nunha praia próxima ao faro de Fisterra. Ademais, continúan os labores de rescate dun home desaparecido o sábado na illa de Ons mentres pescaba. 

Comentarios