Morre un obreiro nun desprendemento de terra en Celanova

Un traballador faleceu e outro resultou ferido nun accidente laboral rexistrado este mércores pola tarde na localidade ourensá de Celanova, cando ambos traballaban nas obras dunha estrada. Segundo informaron desde o 112, os obreiros estaban a abrir unha gabia e un desprendemento de terra atrapounos.

Ocorreu na vía que enlaza os lugares de Cartelle e Barral, á altura do lugar de Gueral, na parroquia de Viveiro. Os traballadores víronse sorprendidos polo esborralle de gran cantidade de terra, que os deixou aprisionados na gabia. Unha dotación dos Bombeiros de Celanova acudiron ao momento cun equipo de excarceración para liberar ás vítimas.

Como consecuencia do incidente, un dos obreiros perdeu a vida no acto. A pesar da pronta chegada dos efectivos sanitarios do 061 e de mobilizar ao helicóptero do 112 con base en Ourense, nada se puido facer por salvar a vida do home. O outro traballador afectado o desprendemento sufriu lesións leves e non necesitou ser evacuado a un centro hospitalario.

Comentarios