Falece un operario tras quedar atrapado por unha máquina nas Somozas

O home foi trasladado ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, lugar onde feneceu

Un traballador da empresa Xiloga, de 54 anos, veciño de Ortigueira (A Coruña), faleceu a última hora da tarde deste luns, 1 de xuño, a consecuencia das feridas ocasionadas no accidente laboral que sufriu horas antes, sobre as 17.30 horas. 

O operario sufriu un envorco coa máquina coa que desenvolvía o seu labor, un 'lagarto' e quedou atrapado no seu interior. 

O accidente produciuse nesta empresa de reciclaxe situada no lugar de Marbán, na parroquia de Seixas, no municipio das Somozas (A Coruña), no recinto da compañía para a cal o home traballaba. 

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Eume, con sede nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), que excarceraron ao traballador ferido, que unha vez liberado foi trasladado en ambulancia ata Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde faleceu horas máis tarde. 

Ao lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil. Está previsto que a autopsia se realice á primeira hora da mañá deste martes no Hospital Naval de Ferrol.