Falece o condutor dun turismo ao chocar frontalmente contra un camión en Oroso

O accidente produciuse na N-550

O condutor dun turismo faleceu na mañá deste sábado nun accidente ocorrido en Oroso cando o vehículo que conducía chocou frontalmente cun camión frigorífico. 

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia o accidente ocorreu ao redor das 08.00 horas da mañá. Un particular alertou ao servizo de urxencias de Galicia de que se produciu un choque frontal na N-550, á altura do restaurante Calviño. 

O mesmo alertante advertiu que podería estar algunha persoa atrapada no interior dos vehículos, polo que se transmitiu o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias que, ademais dunha Uvi móbil, desprazou ata o lugar do sinistro un helicóptero medicalizado. 

Así mesmo, alertouse aos Bombeiros de Santiago, aos axentes de Tráfico e tamén se solicitou a colaboración dos efectivos de Protección Civil de Oroso, que acudiron ao momento tras ser alertados polo 112 Galicia. 

Os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que procederon á excarceración do condutor e único ocupante do turismo, que faleceu no accidente. O condutor do camión resultou ileso.