De que falan os galegos no coche?

Nin de viaxe desconectan. O traballo é o tema de conversación por excelencia dos galegos cando comparten coche. Segundo un estudo, reciben consellos dos seus compañeiros de asento
coche compartido
photo_camera Blablacar. AEP

Blablacar conta con máis 210.000 usuarios galegos que percorren unha media de 230 km por viaxe. Moitos quilómetros para establecer conversacións. A maioría destes usuarios, segundo unha enquisa da empresa, indica que a maioría deles decántase por conversar sobre temas laborais (80%), seguido moi de cerca polos lugares de orixe e destino dos ocupantes (72%).

En segundo plano está a gastronomía (45%), os seus gustos musicais (45%) ou deportivos (41%). Tamén se animan a compartir opinións políticas (30%) de forma algo máis frecuente no conxunto dos españois (23%). Pola contra, os asuntos que parecen menos atractivos son a tecnoloxía (25%) e a economía (19%).

"Ao principio era unha persoa bastante pouco receptiva a compartir coches con descoñecidos, agora paréceme unha gran opción para compartir gastos, experiencias e conversacións", afirma Denís, galego que utiliza BlaBlaCar.

OPINIÓNS. En canto a se falar con outros compañeiros de viaxes fíxolles cambiar de opinión sobre algún tema, un 52% de galegos afirman cambiar de opinión sobre o traballo. Así mesmo, o 29% deles tamén recoñecen variar ante certos asuntos políticos, ou un 22% sobre temas de inmigración. Neste sentido, comenta Antía, usuaria galega asidua á plataforma, que "a diversidade de ideas da xente coa que viaxas faite reformular moitas cousas respecto dos temas tocados nas viaxes". Con todo, os datos reflicten que en temas futbolísticos, Galicia móstrase máis inflexible. Únicamente o 7% dos seus usuarios admite aceptar outras opinións respecto de certos aspectos do deporte estrela.

Pola súa banda, Álvaro Zamácola, Director Xeral de BlaBlaCar para España e Portugal, asegura que os españois viven "en ambientes moi acoutados, con ideas e opinións, moitas veces, moi homoxéneas", e engade: "Coñecer a persoas de distintas localidades, idades, vivencias, formas de pensar e de expresarse, é unha experiencia moi enriquecedora".

Os viaxeiros galegos tamén demostraron ter unha predisposición moi positiva á hora de valorar ao resto de ocupantes do coche, xa que un 58% dos enquisados por Blablacar asegura coñecer a persoas incribles, compañeiros de viaxe que deixaron pegada nos usuarios.

Así mesmo, un 60% dos usuarios considera que tivo ocasión de recibir bos e útiles consellos por parte dos demais compañeiros de coche. Para rematar, soamente 2 de cada 10 dos usuarios desta comunidade autónoma recoñecen aventurarse a contar algún segredo aos seus compañeiros de viaxe.

Comentarios