Hacienda espera desbloquear fondos para as autonomías "canto antes" e Galicia esixe o que se lle debe

Algunhas fontes apuntan que se poderían trasladar ás comunidades 4.500 millóns este mes, aínda que outras evitan sinalar prazos ► Feijóo acusa o Executivo en funcións de gobernar de forma "frívola e sectaria"
Feijóo y Montero. CABALAR (EFE)
photo_camera Feijóo e Montero, hai uns meses na Coruña. CABALAR (EFE)

O Ministerio de Hacienda podería desbloquear antes de que finalice setembro 4.500 millóns de euros das entregas a conta da financiamento autonómico, segundo confirman fontes da Moncloa citadas polo diario El País. Outras fontes apostan por non poñer data, para asegurar só que seguen traballando en busca dunha solución que permita pagar e confían en atopala "canto antes".

Así as cousas, sexa xa ou haxa que esperar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu demandar este sábado ao Goberno central "a totalidade do diñeiro" que o Estado debe transferir ás comunidades autónomas, agora que "din que van pagar unha parte", e acusouno de gobernar de forma "frívola e sectaria". 

Á espera de que se oficialice o pago, o anuncio supón un cambio sobre a posición previa do Goberno, que aseguraba que a Avogacía do Estado impedía liberar eses fondos para non restar marxe de manobra ao seguinte Executivo. Agora, a mes e medio dunhas novas eleccións xerais, o Goberno en funcións atoparía un "resquicio legal" para actualizar o financiamento ás comunidades sen saltarse o ditame. 

Con todo, non todas as fontes se atreven a poñer data. As consultadas por Efe limítanse a indicar que Hacienda confía en atopar unha solución a un problema que é moi complexo a nivel técnico e din non poder aventurar se se achará "durante este mes, o seguinte ou o outro". "Temos claro que ese diñeiro ten que estar canto antes en mans das comunidades autónomas e que o seu financiamento non pode depender de que haxa presupostos ou Goberno, pero a situación é a que é", aseguran.

O Goberno en funcións atoparía un "resquicio legal" para actualizar o financiamento

Cando se concrete, o Ministerio de Hacienda podería desbloquear 4.500 millóns de euros ás administracións autonómicas pola mellora da recadación do IRPF, o Iva e os impostos especiais durante este ano, algo que reclaman desde hai semanas os presidentes autonómicos.

GALICIA. Pendente dos movementos, o presidente da Xunta volveu reclamar este sábado ao Goberno central "a totalidade do diñeiro" que o Estado debe transferir ás comunidades autónomas, que Galicia estima no seu caso nuns 700 millóns. "Lamentablemente estannos tomando o pelo", asegurou Alberto Núñez Feijóo desde Arxentina, onde defendeu que a Xunta tiña razón "desde o primeiro momento", xa que "non existen razóns obxectivas para explicar o porqué de non pagar todo o diñeiro que se lles debe ás comunidades". 

Para o máximo responsable do Executivo galego, o pago desa débeda é necesario para que "non haxa tensións de tesourería", para "poder pagar en tempo e prazo a extra de Nadal, os fármacos do mes de decembro e a dependencia" dos máis maiores dese mesmo mes. 

Feijóo subliña que o diñeiro é necesario para pagar en tempo a extra de Nadal, os fármacos de decembro ou a dependencia

Reiterou así a reclamación de "liberar" a totalidade da débeda e insistiu en que "ao principio, cando empezou a aflorar esta débeda dicíase que era un invento da Xunta", pero a poucas horas de coñecerse a nova convocatoria electoral "din que van pagar unha parte", polo que fai un chamamento ao "respecto"

OPOSICIÓN. Mentres, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a PSOE e PP de utilizar a débeda do Estado coas comunidades autónomas como "táctica preelectoral", tras o anuncio do Goberno para o desbloqueo de 4.500 millóns que, "ata onte, parecían imposibles", ironizou. 

Tamén se pronunciou este sábado sobre o tema a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen tachou de "pitorreo" que o Goberno central vaia desbloquear agora os fondos das comunidades autónomas logo de telo condicionado á formación dun novo Executivo. "O único que demostra é ata que punto as forzas estatais, chámense PSOE, PP, Ciudadanos ou Podemos, están instalados nunha frivolidade", dixo a nacionalista, que volveu instar a Feijóo a empregar a vía xudicial se o Estado non recoñece a débeda total de 700 millóns que cifra a Administración autonómica. 

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta que se disculpe pola súa "farsa" e o seu "teatrillo de confrontación" pola débeda que Hacienda mantén con Galicia.

Comentarios