Extinguido o incendio rexistrado a pasada madrugada na Capela

A Consellería de Medio Rural e Mar deu por extinguido o incendio forestal que desde a madrugada calcinou 25 hectáreas de superficie forestal (estimación provisional) en monte raso no municipio coruñés da Capela, informou o departamento de Rosa Quintana.

O lume iniciouse ás 5:00 horas da madrugada do domingo ao luns e quedou extinguido ás 15:40 horas da tarde. Afectou á ladeira do monte Forgoselo, no límite co municipio das Pontes.

Nos traballos, na parroquia da Capela, participaron 5 axentes, 8 brigadas e 3 motobombas, ademais dunha pa. Medio Rural recorda que o teléfono a disposición dos veciños que detecten algún lume forestal é o 085.

En 2012, o municipio da Capela sufriu un gran incendio forestal en plena seca que se orixinou nun monte elevado da localidade e propagouse a gran velocidade empuxado polo vento e acabou afectando o parque natural das Fragas do Eume, e estendeuse polo canón do río ata chegar a Monfero.

Comentarios