Exhuman o corpo de Déborah Fernández en busca de pistas sobre a súa morte 19 anos despois

Buscaranse restos de ADN baixo as uñas ou posibles fracturas óseas 
Déborah Fernández. AEP
photo_camera Déborah Fernández. AEP

O corpo da viguesa Déborah Fernández-Cervera, que apareceu en 2002 nunha cuneta do Rosal uns días logo da súa desaparición, foi exhumado este martes, tras a autorización do xulgado de instrución de Tui, para que os peritos forenses analicen os restos en busca de posible indicios que arroxen luz sobre a súa morte. 

Así, en presenza da familia, dos seus avogados e peritos de parte, así como de forenses do Imelga (entre eles Fernando Serrulla, da Unidade de Antropoloxía Forense de Verín), a secretaria do xulgado e investigadores de Policía Nacional, procedeuse á extracción do féretro do panteón familiar, no cemiterio de Pereiró. Os restos da moza foron trasladados a dependencias dunha empresa fúnebre e está previsto que logo sexan levados ao hospital Meixoeiro de Vigo para unhas primeiras probas e, finalmente, ao hospital Nicolás Pena, tamén na cidade olívica. 

Segundo explicou un dos avogados da familia, Ignacio Amoedo, os forenses buscarán algunha pista que leve a aclarar a circunstancia da súa morte, como ADN baixo as uñas ou indicios dalgunha fractura ósea, xa que na autopsia que se lle fixo hai case dúas décadas, só se radiografiou o corpo de pescozo para arriba. 

En todo caso, o letrado recoñeceu que é posible que "tantísimos anos despois" os restos non estean en condicións para obter información relevante, e lamentou que isto se estea facendo en 2021, cando tiña que haberse feito en 2002". "Se estamos agora aquí é porque se fixeron mal as cousas, e se cadra agora xa non hai solución", sinalou. 

Así mesmo, precisou que, incluso aínda que poidan obterse probas de ADN que impliquen a algunha persoa no crime, ditas probas tampouco serían definitivas porque "non derivarían necesariamente nunha acusación de asasinato". "Foi esperpéntico todo o proceso ata aquí, unha chapuza en moitos aspectos, e a familia ten sensación de frustración", proclamou.

"AFERRARSE" A POSIBLES NOVAS PISTAS. Nese sentido, recordou que, nalgún momento da instrución, chegouse a valorar incluso a posible "morte súbita", un extremo que a familia e os seus peritos negaron sempre, e volveu a insistir en que "hai que aferrarse" ás posibles pistas que salgan das novas análises do corpo, así como do disco duro (xa en posesión da empresa Lazarus Technology) e da axenda persoal da vítima. 

"Temos un ano por diante, hai que seguir loitando, temos que agarrarnos á esperanza", sinalou Ignacio Amoedo, en alusión ao prazo de prescrición deste caso, que finaliza en 2022. No entanto, expresou o seu convencemento de que, independentemente do que pase nos próximos meses, a familia "seguirá loitando máis aló do prazo de prescrición". 

En opinión deste avogado, o ocorrido co crime de Déborah Fernández, "é un caso de libro" de responsabilidade patrimonial do Estado "por un deficiente funcionamento da administración de Xustiza".

"DÍA DURO PARA A FAMILIA". Pola súa banda, tanto a nai como a irmá de Déborah agradeceron o apoio recibido, especialmente polos medios de comunicación, e constataron que, "se non chega a ser pola presión mediática", non chegasen ata onde o fixeron, ata a exhumación do corpo da moza. 

"É un día moi duro para a miña familia, por vernos na obrigación de levantar o corpo da miña irmá logo de 19 anos", lamentou Rosa Fernández-Cervera, quen sinalou que, de non ser pola atención mediática que tivo o caso, non poderían avanzar. "Parece mentira que teñamos que vender a nosa pel ao diaño", engadiu.

"ESTAMOS CERCA". No proceso de exhumación deste martes estivo tamén presente o criminólogo Óscar Tarruella, perito da familia, quen sinalou que se fará un estudo "moi minucioso" dos restos tanto por parte dos forenses do Imelga, como do experto contratado pola familia, Aitor Courel. "A de hoxe é unha xornada dura pero necesaria, e é o recoñecemento de que houbo un erro institucional que debe ser reparado", afirmou. 

Ademais, sinalou que a análise dos restos, así como do disco duro do computador de Déborah e da súa axenda, "xunto con outras pezas do puzzle" permitirán "dar caza ao asasino" da moza. "Estamos cerca, se eu fose esa persoa, da que sospeitou sempre a Policía, non estaría tranquilo", afirmou. 

Respecto diso, Tarruella mostrou a súa esperanza de que o avance da ciencia e a tecnoloxía permitan obter información adicional para este caso, e incluso que, se hai restos de ADN, se poidan cotexar con mostras indubitadas que foron extraídas no marco da investigación. 

Déborah Fernández-Cervera desapareceu en 2002, cando tiña 21 anos de idade, logo de saír da súa casa para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois, rodeado de pistas falsas, nunha cuneta do Rosal, e nunca houbo ninguén detido nin formalmente imputado por este crime. 

A investigación desta morte arquivouse en 2010, pero o xulgado emitiu un auto para a súa reapertura a finais de 2019. Desde entón, tomouse declaración a varias testemuñas e autorizáronse diversas probas periciais, unha delas foi a exhumación do seu corpo. 

Comentarios