Un percebeiro que caeu nunha zona de rochas da praia de Arnela, en Muxía, foi evacuado este martes en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chus).
A central do 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta na que se advertía de que o ferido quedara inconsciente, polo que urxía a asistencia médica. Así as cousas, os profesionais do 061 acudiron ao lugar no helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Estaban co ferido voluntarios de Protección Civil da vila, que accederon á praia próxima ao lugar da caída, a onde unha embarcación trasladou o percebeiro. Tras recibir os primeiros coidados, o home foi trasladado no helicóptero.
Segundo a Policía Local, o home estaba pescando con outros compañeiros cando sufriu unha indisposición e caeu ao mar. Unha embarcación que se atopaba pola zona recolleuno e levouno á praia de Arnela.