Estrasburgo considera que España non discriminou a unha transexual de Lugo

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos desestimou unha demanda dunha transexual de Lugo, Alexia Pardo Vila, ao considerar que a redución réxime de visitas ao seu fillo que estableceu un xulgado lucense non é unha discriminación para a demandante baseada na súa sexualidade. Estrasburgo coincide, por unanimidade, co Tribunal Constitucional, que en 2009 xa rexeitara o recurso de amparo presentado pola transexual ao ver restrinxida as visitas ao seu vástago a 3 horas cada 15 días.

Segundo a Xustiza europea, España non violou o artigo 8 -dereito ao respecto da vida privada e familiar-, combinado co 14 -prohibición da discriminación- do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Pardo Vila remitiuse á o tribunal de Estrasburgo tras ver como o Constitucional rexeitaba o seu recurso.

Un longo conflito nos xulgados
A demandante tivo un fillo en 1998 coa súa esposa. Catro anos despois separáronse e un xulgado determinou o réxime de visitas a unha fin de semana de cada dúas e a metade das vacacións escolares. A nai, en 2004, solicitou a privación da patria potestade e a suspensión das visitas e a comunicación por "falta de interese", por seguir un tratamento hormonal para cambiar de sexo e porque "se maquilla e se viste como unha muller".

Ao respecto, un xulgado de Primeira Instancia de Lugo decidiu rexeitar a demanda de privación da autoridade paterna e restrinxiu o réxime de visitas. O xuíz, a proposta dos psicólogos, estipulou que vería ao seu fillo un sábado de cada dous, entre as 17 e as 20 horas, nun punto de encontro en Lugo, baixo o control de profesionais e en presenza da nai.

Estrasburgo coincide coa sentenza do Tribunal Constitucional, que non deu a razón á demandante, non porque fose transexual, senón pola "inestabilidade emocional pola que atravesaba", segundo os psicólogos. A demandante ten agora un prazo de tres meses para solicitar o reenvío do seu caso á Gran Sala do Tribunal, composta por 17 xuíces.

Comentarios