¿Estamos no pico da sexta onda?

Os casos baixaron en tres áreas sanitarias e o conselleiro mantén a previsión de que o pico se produciría entre o 15 e o 18 de xaneiro, aínda que os ingresos hospitalarios seguirán subindo algúns días
Coronavirus. EUROPA PRESS
photo_camera Coronavirus. EUROPA PRESS

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reafirmouse este luns en Vigo en que a hipótese coa que traballa o Goberno rexional, segundo a cal o pico da sexta onda tense que producir entre os días 15 e 18 de xaneiro segue sendo válida, de modo que xa está aquí.

"Seguimos mantendo esa posibilidade de que entre o 15 e o 18 de xaneiro puidésemos estar a chegar a ese pico de casos activos máximos", dixo o conselleiro, quen recordou que nas anteriores ondas, unha vez alcanzouse o pico de caso activos, continuaron aumentando os ingresos hospitalarios durante unha semana e en Uci durante dúas, algo que haberá que confirmar na actual.

En todo caso, García Comesaña considerou "positivos" os datos deste luns, o sentido de que se produciu unha baixada no crecemento dos casos activos, aínda que tamén é certo, recordou, que son datos que necesitan unha análise a un par de días vista, tendo en conta que os números que arroxan as fins de semana son enganosos. En tres áreas sanitarias baixaron os casos activos: Lugo, Ourense e Santiago.

“Traballamos con taxas a sete días e estamos a ver esa contención”, dixo o conselleiro, quen sinalou que “parece” que noutras comunidades ás que esta sexta onda golpeou antes que a Galicia está a suceder o mesmo.

Por outra banda, García Comesaña, tras defender de novo as medidas que o seu departamento implementou para tratar de descargar de traballo á atención primaria, defendeu tamén a administración dunha terceira dose ás persoas entre 30 e 39 anos, que comeza o mércores e contra a que se situou a Sociedade de Inmunoloxía.

“Nós levamos desde o principio seguindo os criterios da UE e dos expertos que forman parte do relatorio de vacinas e da Comisión de Saúde Pública da Interterterritorial. E estas entidades recomendan a vacinación por enriba dos 18 anos. Entendo as dúbidas, son momento complexos, todo vai moi rápido, pero estes organismos que acabo de dicir, referencia a nivel mundial, seguen recomendando a vacinación en maiores de 18 e Galicia cumpre esas recomendacións”, dixo.

É máis, o conselleiro volveu a insistir en que o "maior problema" que ten a sanidade galega é o número de persoas non vacinadas que hai nas Uci e recordou que "o 6 por cento da poboación non vacinada en Galicia xera máis do 50 por cento dos ingresos na Uci", polo que volveu a animar aos indecisos a permitir que se lles inocule a vacina.

PROTOCOLO ENTROIDO. Comesaña referiuse tamén ao protocolo que prepara o Goberno galego de cara ao Entroido que se aveciña.

"É un protocolo de medidas básicas para garantir o uso dos espazos exteriores, as distancias, os elementos de protección. De momento non expomos restricións porque é difícil con esa distancia no tempo facer unha aproximación. O protocolo vai servir, esteamos nunha situación ou outra (da pandemia) e sería de aplicación en todo caso", dixo. 

Comentarios